As vítimas do Alvia esixen a dimisión do cargo de Renfe na véspera da súa declaración

Antonio Lanchares solicitou a desconexión do ERTMS e formou parte da investigación do accidente criticada pola UE.


|

Angroisfloresalvia


A plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia en Angrois reclama ao alto cargo de Renfe investigado, citado para este martes nos xulgados composteláns, que non lles "engada máis sufrimento con dimisións ficticias que non son máis que un brinde ao sol" e ínstano a "que presente a súa dimisión de maneira irrevogable".


A asociación, que representa afectados e familiares da traxedia, esixe "a total colaboración coa xustiza" de Antonio Lanchares, director de seguridade na circulación da operadora ferroviaria, ao que pide que responda "todas as preguntas e a todas as partes, tal e como prometeu a ex ministra Ana Pastor e como esixe un mínimo de ética".


As vítimas subliñan a "sorpresa" que lles causou coñecer que o comité de dirección de Renfe "mostrou a Lanchares o seu pleno respaldo e confianza".


"EXTREMA GRAVIDADE"


A plataforma considera "de extremada gravidade" varios puntos polos que demanda o cesamento de Lanchares. "En primeiro lugar, polos seus escasos coñecementos da directiva de seguridade ferroviaria", segundo apunta, ao asegurar que Lanchares "ignorou gravemente" o artigo que "obriga a realizar unha avaliación de riscos e aplicar medidas de control cando haxa cambios nas condicións de funcionamento ou un novo material supoña novos riscos na infraestrutura".


"Tal e como indica o auto, o señor Lanchares solicitou a desconexión do sistema de seguridade ERTMS sen que conste que, con carácter previo, se realizase unha previa avaliación do risco que podería representar para a seguridade na circulación tal desconexión que, aínda que en principio se prevía temporal, ao cabo mantívose durante case un ano e estaba vixente na data do accidente", censura.


Engade que "tampouco se realizou esta avaliación cando o xefe de maquinistas advertiu por escrito do risco existente na curva en 2011, como así o indica o informe da Axencia de Seguridade Ferroviaria".


FORMOU PARTE DA CIAF


Noutra orde de cousas, a plataforma indica que Lanchares, "pertencendo a Renfe, formou parte da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF)", e vincúlao neste contexto co incumprimento da directiva europea relativo á independencia do órgano investigador, "tal e como sinalou nun durísimo informe a UE".


Por todo iso, os afectados esixen a Lanchares que "se queda algo de dignidade", dimita "de maneira irrevogable" e "deixe que outras persoas con máis coñecementos e ética profesional se encarguen" da seguridade.


INECO


Respecto do técnicos de Ineco, encargados de realizar o informe de avaliación independente, e tamén convocados polo xuíz por esta semana, avísalles de que "non colaborar coa xustiza, e por tanto co esclarecemento das causas que orixinaron 81 mortos e máis de 140 feridos, o único que fará é engadir máis dor se cabe ás vítimas e familiares".


"Sabemos que Ineco ten información clave sobre a avaliación de riscos realizada na liña Ourense-Santiago, polo que esiximos a súa colaboración coa xustiza e que digan toda a verdade", finalizan.


relacionada Renfe non acepta a dimisión do director de seguridade investigado polo accidente de Angrois
relacionada O xefe de seguridade de Renfe, investigado pola avaliación de riscos de Angrois

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE