Independentismo e loita de clases

Manoel Barbeitos
Economista

Diadabanderas



Parece incrible que unha parte relevante da esquerda non sexa quen de aprender da historia e volva cometer os mesmos erros unha vez si e outra tamén. Unha evidencia desta realidade témola na dinámica política que está a tomar a recente crise política de Catalunya. Unha dinámica que, non por previsible, deixa de ser menos triste desde o punto de vista das clases populares catalás e dos demais pobos de España.


Triste porque todo apunta a que no curto e medio prazo se produza unha clara derrota do independentismo catalán -no que están partidos que se declaran de esquerdas como ERC e a CUP- e unha non menos clara crise económica e social. Unha derrota que, por outra banda, era totalmente previsible. 


Unha derrota que tamén arrastrará consigo ao PSOE polo seu seguidismo do PP e por, de novo, non entender que España é plural social e territorialmente e que a alternativa á crise actual é a unidade das esquerdas. Triste ver como Sánchez non foi quen de capitalizar a gran e meritoria vitoria sobre a nomenclatura do seu partido (PSOE) e como ao final os sátrapas -capitaneados pola inefable Susana Díaz- son quen leva o gato a auga do seu muíño. En termos políticos, que fronte á unidade das esquerdas se impón a gran coalición (PP/PSOE). As ambigüidades, coma as de Sánchez, non teñen hoxe cabida, non a tiveron nunca, no escenario político catalán, galego e español.


Foi suficiente que o Banco Sabadell e CaixaBank mostrasen a súa desconformidade coa dinámica que emprendera o movemento independentista catalán e anunciasen que trasladaban o seu domicilio social fóra de Catalunya para que os dirixentes mais lúcidos de PDdeCAT -antiga CiU-, capitaneados por Artur Mas, chamasen a filas aos seus "animosos" muchachos -que cogobernan a Generalitat- e o proceso independentista se paralizase de facto e de iure


A quen se lle ocorreu pensar que a dereita política catalá ía enfrontarse coa súa base económica e social? Que mentes iluminarias imaxinaron que esa dereita política catalá era máis independentista que clasista? Non hai un refrán catalán que di algo así como que "a pela é a pela"?


Triste, moi triste, o que está a pasar en Catalunya. Tamén moi preocupante porque terá duras consecuencias tanto para as clases populares de Catalunya como do resto de España. Triste e algo sorprendente porque custa traballo entender como a esquerda nacionalista catalá (ERC, CUP), e tamén parte da española (PSC-PSOE), non foi quen de aproveitar a grande e admirable mobilización social do 1-O para sentar as bases dun cambio político en Catalunya, que facilitaría logo un cambio político en España e, por que non, en Galicia.


A esquerda nacionalista catalá (ERC, CUP) esqueceu algo tan fundamental como que a loita de clases está por encima das loitas nacionalistas, en realidade é aquela a que leva a estas. O que significa que para que as súas batallas triúnfen en Catalunya precisan contar co resto das esquerdas que despectivamente chaman "españolistas" (meu deus, chamar, por caso, "españolistas" a Domenech, Coscubiela e Ada Colau...). Resultan agora realmente patéticas algunhas declaracións de dirixentes independentistas cataláns logo do 1-O ("imos construír a república catalá, a república mais bonita de Europa" dicían parlamentarios da CUP).


Que dicir de dirixentes cidadáns que chaman agora a declarar unilateralmente a independencia (por caso o secretariado da ANC)? Como mostra a historia, hainos que non aprenden e van "de derrota en derrota ata a derrota final".


Non debería sentirse feliz con esta derrota do independentismo catalán a esquerda española (PSOE). Non ten motivos para iso. O seu triste papel seguidista da dereita (PP) vai pasar factura sen dúbida. Incapaz de superar as diferenzas e loitas internas vai máis camiño de seguir a traxectoria da maioría das socialdemocracias europeas (Francia, Alemaña, Italia...) que a ruta dunha minoría aínda coherente das mesmas (Portugal, Gran Bretaña...). Un camiño que leva, ben a facer seguidismo da dereita (Alemaña e tamén Italia), ben á irrelevancia (Francia).


Neste cadro político sería desexable que UNIDOS PODEMOS dese, definitivamente, un paso adiante. Algo para o que serían precisos varios cambios:


1. En primeiro lugar abandonar definitivamente a obsesión anti-PSOE dunha parte relevante dos seus dirixentes e asumir decididamente que só cunha alianza de esquerdas é posible derrotar a dereita en España.


2. Entender tamén que precisan do apoio dun gran movemento sociopolítico, que nucleado ao redor do movemento sindical, sirva de firme apoio as súas propostas de cambio.


3. Entender que asumir a realidade plurinacional do estado español non so debe ser un movemento táctico senón estratéxico de UNIDOS PODEMOS, o que implica que as chamadas confluencias -EN MAREA, COMUNS, COMPROMIS-- deben ter un maior protagonismo na política española,


4. A nivel galego isto implica que EN MAREA debe facerse máis presente e visible na política española e traballar por aglutinar a esquerda galega e por construír un movemento sociopolítico que apoie o cambio social en Galicia.


Un traballo nada fácil, pero imprescindible. Un traballo para o que é preciso que sexa unha auténtica organización de esquerdas e como tal entenda que a loita de clases está por encima da loita nacional, que é aquela quen conduce a esta e non ao revés.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE