Rajoy dá unha semana de prazo para activar do artigo 155 en Cataluña

|

RajoycongresocatRajoy, no pleno deste mércores.

O presidente do Goberno explicou no pleno do Congreso que no requirimento que o Goberno enviou a Puigdemont dálle de prazo ata o luns para responder se declarou a independencia, e se o fixo, terá ata o xoves para ordenar a revogación,"á marxe de que esta se atope ou non en vigor".


O Goberno central está á espera da resposta do presidente catalán para decidir se aplica o artigo 155 da Constitución para suspender a autonomía de Cataluña.


"NON HAI MEDIACIÓN POSIBLE"


Rajoy recalcou que "non hai mediación posible entre a legalidade e a desobediencia". Na súa comparecencia ante o Pleno do Congreso, Rajoy xustificou a súa decisión de poñer en marcha a vía do artigo 155 da Constitución coa Generalitat de Cataluña por considerar que os dirixentes cataláns usaron "a súa posición institucional para perpetrar un ataque desleal e moi perigoso" contra a Constitución, a unidade de España, o Estatuto de Cataluña e "o que é peor, contra a convivencia".


"Hai que reencontrar esa Cataluña mestiza que tanto contribuíu ao benestar e ao progreso. E temos que contar para iso co catalanismo pactista e integrador que deu a Cataluña os seus mellores momentos", salientou.


"Que se quere dilucidar mediante a mediación? Que se dea carta de natureza á actuación desleal do Goberno catalán?", preguntouse.


Igualmente, recoñeceu que no Parlamento se pode falar de todo o que a Constitución e as leis permiten falar, "mesmo expor unha reforma" da mesma seguindo os seus procedementos. "A Constitución non é unha lei perpetua e pode ser modificada", apostilou.


"NON NECESITAMOS MÁIS MEDIADORES QUE NÓS"


A portavoz do Grupo Socialista no Congreso, Margarita Robles, rexeitou hoxe a mediación que propón Carles Puigdemont e advertiulle que o diálogo se debe dar no Parlamento. No seu discurso, no que pediu a Mariano Rajoy que faga "autocrítica" coa súa actuación en Cataluña, insistiu en que a política se faga no Congreso dos Deputados e para reformar a Constitución.


"Non necesitamos máis mediadores que nós, que somos os representantes das soberanía popular", exclamou a portavoz socialista, quen deixou clara a loita pola democracia e por Europa que protagonizou o PSOE nos seus 140 anos de historia.


"DESCONFÍE DE RIVERA"


O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, esixiu este mércores ao presidente do Goberno que non aplique o artigo 155 da Constitución para suspender a autonomía de Cataluña e "se poña á fronte dunha negociación" con Carles Puigdemont. "Deixe de romper España", demandou.


"Eu non teño fillos aínda, pero gustaríame telos. E gustaríame que os meus fillos coñecesen unha Cataluña que formase parte dun proxecto que se chama España, pero iso só é posible se en Cataluña hai un referendo", asegurou.


"Fágolle unha advertencia de boa fe: Desconfíe do señor Rivera, señor Rajoy. Rivera é o principal operador político de José María Aznar nesta crise, e a vostede Aznar non lle quere", avisou a Iglesias.


"Houbo un tempo en que vostedes sabían lidar coa plurinacionalidade do Estado", salientou, antes de sinalar que, con todo, iso acabouse cando "romperon a constitución territorial" de España ao recorrer a reforma do Estatuto de Cataluña.


Por último, a portavoz de En Marea, Yolanda Díaz, reclamou a Rajoy que sexa "un estadista", asuma que tarde ou cedo haberá un referendo porque é "a única saída" e "non tome medidas sen retorno" que "leven á confrontación". Tamén enviou un requirimento ao PSOE: Non permita que o PP se "apropie" dunha Constitución que non votou. "Paremos o odio contra Cataluña e tamén contra España", pediu, apelando ao diálogo.


RIVERA QUERE ELECCIÓNS


Albert Rivera, fixo un chamamento este mércores no Congreso dos Deputados para que non se fíe a soberanía nacional a unha mediación internacional ou a unha "mesa escura" e insistiu na súa esixencia de celebrar eleccións en Cataluña para, xa despois, con "novos interlocutores", reformar a Constitución de 1978.


relacionada O Goberno pon en marcha o paso previo a aplicar o artigo 155 en Cataluña
relacionada Sánchez consegue abrir a reforma da Constitución a cambio do seu apoio a Rajoy

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress