Unha semana para o traslado dos pacientes á ampliación do Hospital de Ourense

|

Camashospital


O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) iniciará a próxima semana o traslado de pacientes ao novo edificio de hospitalización, segundo confirmaron este venres fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas).


O anuncio do traslado prodúcese horas despois de que o concelleiro de Urbanismo do Concello de Ourense, José Cudeiro, asinase o decreto que concede a licenza de ocupación e apertura da ampliación do CHUO.


Por parte da xerencia de xestión integrada do Sergas en Ourense confirmouse que xa están ultimados todos os preparativos para que os pacientes pasen a ocupar as novas habitacións.


A estrea das novas instalacións producirase co traslado dunha unidade de medicina interna, segundo o operativo previsto pola xerencia sanitaria ourensá, que confía en "testar" deste xeito o funcionamento dos circuítos internos (circulación de pacientes, comidas ou farmacia, entre outras unidades).


Será o paso previo para o traslado do resto de pacientes previstos, de acordo coa planificación establecida polo Comité de Traslados.


PROBA PILOTO


A pasada fin de semana realizouse xa un simulacro no que participaron case medio centenar de profesionais para calcular os tempos de traslado e ingreso e realizar axustes previos ao traslado definitivo.


Desde o pasado luns realizan visitas guiadas ao persoal de Xerencia do Sergas en Ourense, tanto de atención hospitalaria como primaria, para que coñezan as novas instalacións.


REDISTRIBUÍR SERVIZOS


Por parte do Sergas de Ourense confíase en que a ampliación do CHUO "permitirá redistribuír os servizos internamente" de modo que se centralice a hospitalización nun único núcleo.


Ademais permitirá "redefinir o papel da Santa María Nai" como "centro de consultas externas e probas ambulatorias" e recuperar a exclusividade do Materno-Infantil no tratamento da atención pediátrica.


relacionada Reclaman que a Fiscalía "comprobe que hai un abandono" en Cirurxía Pediátrica do CHUO
relacionada Pacientes de oncoloxía do CHUO denuncian atrasos de "ata dous meses" para un TAC

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress