Reclaman que a Fiscalía "comprobe que hai un abandono" en Cirurxía Pediátrica do CHUO

|

Bebehospital


A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública presentou este luns na Fiscalía de Ourense un escrito para pedir ao fiscal que "comprobe que hai un abandono" por parte da Consellería de Sanidade e do Sergas na atención aos nenos ourensáns, polo "demantelamento" do servizo de Cirurxía Pediátrica no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).


Así o sinalou o portavoz da Plataforma, Anxo Pérez Carballo, ás portas da Fiscalía onde acudiu para facer entrega dun documento asinado por catro dos membros da Plataforma e catro pais afectados, en compañía das deputadas de En Marea e BNG por Ourense, Ánxeles Cuña e Noa Presas, respectivamente.


"Esperamos que Fiscalía actúe responsablemente e comprobe se hai un abandono, por parte de Sanidade e do Sergas, do deber de velar pola seguridade dos nenos, especialmente os que teñen entre cero e tres anos", explicou Pérez Carballo.


O portavoz da plataforma insistiu en que desde o ano 2010 se produciu un "abandono" no servizo, que pasou de estar conformado por catro cirurxiáns pediátricos "e ser o máis rendible de toda Galicia", a contar con "un cirurxián ás portas da xubilación", o que significaría "a destrución definitiva" do servizo.


A Plataforma saíu ao paso das declaracións realizadas desde a xerencia do CHUO, o pasado 28 de xuño, coincidindo cunha protesta ás portas do centro, na que confirmaba que se retomaron as operacións grazas a que a presenza dun cirurxián do servizo de Cirurxía pediátrica de Vigo.


NEGAN QUE O CHUO VOLVA OPERAR


"Desde febreiro non é certo que se fagan intervencións. Só hai un cirurxián e está a derivarse a Vigo nenos que, mesmo, teñen que repetir o pre operatorio", protestou o portavoz da Plataforma.


Para Pérez Carballo, o comunicado da xerencia do CHUO responde a un intento de "disfrazar" as protestas. Así, explicou que se programaron operacións para o día 21, "pero volveu paralizarse todo" e o servizo "segue en situación de deterioración e abandono".


BNG: "TERÍA QUE ESTAR A ACTUAR DE OFICIO"


A deputada do BNG pola provincia de Ourense Noa Presas considerou que "a Fiscalía xa tería que estar a actuar de oficio".


Para a nacionalista, a perda de cirurxiáns pediátricos converteuse en "un escandalo que xoga coas vidas dos nenos na provincia" e obriga ás súas familias a "percorrer enormes distancias" ata Vigo ás veces desde puntos lindantes coa fronteira con Zamora.


Presas apuntou á responsabilidade do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do seu equipo de goberno, pero tamén apuntou a que desde o cambio da xerencia do CHUO "non se corrixiron prácticas" e problemas constatados pola súa formación. A nacionalista confirmou a intención do seu grupo político por levar esta cuestión ao próximo pleno.


EN MAREA PIDE "DISCRIMINACIÓN POSITIVA"


Pola súa banda, a deputada de En Marea Anxeles Cuña pediu "unha discriminación positiva" para Ourense en materia sanitaria e lembrou que os problemas sinalados en Cirurxía pediátrica "non é unha cuestión nova" senón un tema que conta con "moitos nenos pendentes dunha operación e con todo o dereito a non ter que esperar meses".


Para a deputada da marea, a existencia dunha "lista de máis de cen nenos" que se derivaron para ser operados en Vigo é "outro indicio de que Ourense segue sendo considerada como unha provincia de segunda".

relacionada SOS Sanidade Pública acusa o PP de "desmantelar" Cirurxía Pediátrica en Ourense
relacionada Ao PP non lle basta a poboación de Ourense para restablecer a cirurxía pediátrica do CHUO

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress