Aumentan os fogares galegos que pasan dificultades para chegar a fin de mes

|

Numeroscuentascalculadoracifras


O número de fogares galegos que chega con dificultade a fin de mes reputnou case sete puntos no terceiro trimestre do ano en relación co trimestre anterior, ao pasar do 35,36% ao 42,13% do total, de acordo coa enquisa conxuntural a fogares que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística (IGE).


Este incremento dos fogares que pasan dificultade para chegar a fin de mes derívase dun transvasamento dos fogares que anteriormente o facían con facilidade ou moita facilidade, que baixaron en 6,19 puntos en tres meses, ata o 48,33%.


O 9,54% restante dos fogares afronta moitos apuros para chegar a fin de mes, co que son algúns menos que no segundo trimestre do ano (a porcentaxe baixou 0,57 puntos).


Con todo, a enquisa do IGE recolle unha evolución positiva se a comparación se fai co mesmo período (terceiro trimestre) de 2016: creceu 4,9 puntos a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, baixou 2,22 puntos o daqueles que chegan con dificultade e reduciuse 2,67 puntos o dos que pasan moita dificultade.


MELLORA A CONFIANZA


Pola súa banda, o indicador de confianza do consumidor reflicte un valor de -7,58 puntos, 0,6 puntos por encima do referido ao trimestre anterior, e o seu mellor valor no últimos sete anos (cando ten rexistros o IGE). De feito, entre 2010 e 2014 este índice situouse por encima de -20 puntos.


Neste trimestre aumentaron, en concreto, tres dos catro indicadores parciais de perspectivas de evolución: o de situación económica en Galicia, que aumentou 0,36 puntos; o de situación financeira persoal, 1,72 puntos; e o de capacidade futura de aforro, que creceu 4,31 puntos.


Ao lado contrario, o indicador parcial das perspectivas de evolución do desemprego, pola súa banda, diminuíu case catro puntos.


MEDIDAS ECONÓMICAS TOMADAS


O 19,79% dos fogares galegos non se permitiu ningún extra nos tres últimos meses. Considéranse como extra os gastos destinados a vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou grandes compras, extras de alimentación, roupa ou calzado, contratar novos servizos para o fogar, saír cear, ir ao cinema, etcétera.


O 13% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra e diminuíu gastos comúns, como a roupa e o calzado e o transporte.


relacionada Chegar a fin de mes, un reto para case a metade dos fogares galegos
relacionada A taxa de aforro dos fogares cae ao seu valor máis baixo desde 1999

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress