O concerto económico que propón o BNG daría a Galicia 1.000 millóns menos

|

Leiceagapechecampaa

Leiceaga bota contas para rexeitar a cota.

Xoaquín Fernández Leiceaga anticipou este luns o "firme" rexeitamento do seu grupo á proposta que o BNG levará ao próximo pleno de dotar a Galicia dun concerto económico similar aos existentes en Euskadi e Navarra, e fíxoo co argumento de que supoñería un déficit para as nosas arcas públicas duns 1.000 millóns de euros.


En rolda de prensa, o dirixente socialista fixo fincapé en que aplicar ese modelo leva "un risco grande" de crear "un déficit moi substancial" tanto á Xunta como aos concellos que impediría "cubrir servizos esenciais" para a poboación. Por tanto, recomendou aos nacionalistas "non sacrificar os intereses dos galegos á ideoloxía".


Con todo, a súa negativa para apoiar a toma en consideración da proposta normativa do Bloque non só se basea na "insensatez" que supón no plano económico e financeiro, senón que para Leiceaga tamén é "inoportuna politicamente e imprudente desde o punto de vista legal".


Como explicou, é "inoportuno" abordar esta cuestión en plena revisión do sistema de financiamento autonómico, pois "desvíase a atención do esencial", que é a cobertura dos gastos das zonas con menor capacidade tributaria. "Supoño que inconscientemente, o BNG está a actuar como axente das comunidades máis favorecidas", advertiu.


De igual modo, o economista rexeitou a "confusión" que introduciría esta normativa "ao mesturarse coas augas revoltas do desafío" soberanista en Cataluña. "O noso modelo aséntase en compartir con outros territorios de España, non en crear barreiras con eles", profundou, partidario de compatibilizar "diversidade" con "igualdade".


Dito isto, Leiceaga subliñou que, aínda que os concertos vasco e navarro teñen o seu fundamento legal na Constitución, a pesar de ser "unha anomalía", non é o caso de Galicia. Tamén o seu encaixe no Estatuto de Autonomía sería "extremadamente complicado", finalizou.


CAMBIO DE POSTURA?


Esta posición choca co respaldo que o ano pasado o grupo do PSdeG, con Leiceaga fóra do Pazo do Hórreo, deu á tramitación dunha iniciativa similar. Naquel momento, a xustificación foi que sempre se apoiaba o debate de todas as medidas dos outros grupos da oposición, a pesar de que posteriormente se votase en contra do contido da proposta.


Nesta ocasión, o PSdeG xa deixou claro que non apoiará a toma en consideración do texto. Preguntado respecto dese cambio de postura, Leiceaga lembrou que o seu partido se presentou ás eleccións autonómicas do pasado ano cun programa no que se fixaba "con claridade" a defensa dun modelo de financiamento autonómico baseado en "criterios de solidariedade" entre todas as comunidades.


relacionada O BNG contrapón o acordo do cupo vasco co "recortazo galego" pola "submisión" de Feijóo
relacionada O BNG asegura que Galicia tería "3.500 millóns máis" cun concerto económico
relacionada A Xunta rexeita o concerto económico para Galicia e táchao de "pésimo negocio"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress