Tractorada en Viana do Bolo a favor de axudas pola seca e as xeadas

|

TractoresvianaboloImaxe da tractorada. Foto: Unións Agrarias.

Medio centenar de tractores e unhas 200 persoas percorreron este xoves as rúas de Viana do Bolo --convocados por Unións Agrarias-- para reclamar á Xunta axudas coas que afrontar as perdas ocasionadas na produción de forraxe, castañas e mel polas xeadas e a seca.


Ao final do acto leuse un comunicado no que se convidou á conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, a visitar Viana para coñecer de primeira man os problemas dun sector que dá traballo a unhas 500 familias na comarca.


"Queremos que a conselleira veña a Viana a coñecer as dificultades de gandeiros e agricultores e para achegar solucións xa", explicou María Páez, portavoz do sindicato Unións Agrarias na comarca.


Neste sentido, Páez chama a atención sobre que as xeadas da primavera e a seca levaron a moitos produtores "ao límite", con "enormes perdas" na produción.


Así, relatou que no sector gandeiro "as vacas terían que estar a pastar" ao aire libre, pero os produtores tiveron que botar man a "as reservas que había para o inverno".


Por outra banda, no sector do mel "as colmeas non produciron o suficiente para pasar o inverno", mentres que a produción de castaña "periga se non chove".


AXUDAS "COMO OUTRAS COMARCAS"


Ante estas dificultades e os incrementos dos gastos, para cubrir a falta de auga e pastos, os produtores de Viana reclaman á consellería "axudas directas do mesmo xeito que se fixo noutras comarcas afectadas por fenómenos meteorolóxicos como a sarabia".


A portavoz local de UUAA advertiu de que "unha parte importante" das 500 familias que viven do campo en Viana "terán que pechar se a situación segue así".


O sindicato expón a posibilidade de que o Executivo galego axude aos produtores ao pago de seguros para afrontar este tipo de situacións, aínda que se alertou de que "se non hai diñeiro para dar para comer ao gando, non o haberá para o pago de seguros".


Ademais, a portavoz sindical mostrouse escéptica de que os seguros supoñan unha solución xa que na situación actual os gandeiros non poderían cobralos, pois "sería necesario que houbese unha alerta por seca e Galicia leva en prealerta desde xaneiro, aínda que non caeu nada de auga nestes meses"


MANIFESTACIÓN


A manifestación partiu do campo de fútbol de Viana tras unha pancarta na que se podía ler 'Necesitamos axudas' e carteis con lemas como 'A seca mátanos'.


Ao longo de case dúas horas, os manifestantes percorreron varios quilómetros da estrada comarcal, mentres que nos altofalantes reivindicábase que "os gandeiros e agricultores son o alicerce fundamental desta vila", á vez que se lembraba que "as vacas comen e beben", pero que os produtores non tiñan nada que darlles.


Esta foi a terceira mobilización dos produtores de Viana do Bolo, despois das dous anteriores producísense tras as intensas xeadas do mes de maio nas localidades de Viana e A Gudiña.


relacionada A sarabia volve castigar zonas afectadas polas xeadas da primavera
relacionada Tractorada en Viana do Bolo para denunciar a falta de apoio da Xunta tras as xeadas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress