O BNG sácalle as cores ao "fracaso" do novo plan de transporte da Xunta

|

AutobusruralO BNG cualifícao de "chapuza".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou contra "a chapuza" do novo plan de transporte da Xunta, que "se fixo sen diálogo", co "único obxectivo dun novo recorte encuberto", "moi significativamente no transporte escolar".


De feito, Pontón censura que este redeseño de liñas "está a empeorar" a situación previa, "cun aluvión de queixas durante este primeiro mes" e "un certo caos" polos cambios. Ademais, sostén que fomenta "precariedade" entre os traballadores, unido a "un recorte" no transporte escolar, que "é un experimento que a Xunta quere estender ao resto de liñas".


Respecto diso, a portavoz nacional do BNG lamenta "a falta de información" a concellos e usuarios, á vez que lembra as "numerosas irregularidades" que se produciron, como incumprimentos de pregos, non realización de servizos ofertados, tarifas "abusivas" e que "non se puxo en marcha o servizo a demanda".


Sobre este extremo, lembrou que o anuncio "estrela" da Xunta do transporte a demanda, que "tiña que comezar a funcionar en setembro", pero "a esta altura non hai ningún tipo de información", mentres "ningunha persoa" pode usar este servizo.


Neste sentido, o Bloque comezará unha ofensiva nos concellos e Parlamento para "reclamar que a Xunta dea marcha atrá" e "se recuperen as liñas que foron suprimidas". Ademais, esixe unha mesa de diálogo na que se inclúan sindicatos, empresas, ampas e concellos.


TRANSPORTE ESCOLAR


Entre o que "máis preocupa" aos nacionalistas atópase o impacto na posta en marcha do transporte escolar, coa "supresión" de case 600 liñas, que afectan a "miles de nenos e nenas" aos que se deixa como alternativa que "utilicen o transporte regular". "Non entendemos por que hai nenos e nenas de primeira e se segunda", sentenza.


Por iso, Pontón cre que o Goberno galego "ao único que contribúe é a crear alarma pola improvisación", debido ao "erro da supresión do transporte escolar", que "era modélico e seguro", pois con este inicio de curso "van ser moitos os problemas".


Así mesmo, o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, critica o "fracaso" do servizo a demanda, xa que os municipios non teñen "nin a máis mínima información de cal é o sistema que se vai poñer en marcha".


Este mércores varios cargos municipais do Bloque reuníronse para analizar ao posta en marcha deste novo plan de transporte, e unha das cuestións sobre as que inciden é que "careceu da debida transparencia na comunicación" cos concellos, segundo se queixa Rodríguez.


A modo de exemplo, pon a falta de transporte "intraparroquial" nos municipios, a ausencia de lanzadeiras comarcais, ou que só se pensen nos desprazamentos desde o rural á cidade, pero non ao revés. Por iso, o rexedor das Neves empraza á Xunta a que teña en conta as demandas dos municipios para deseñar o seu plan.


relacionada A UTE de buses da Mariña perderá a concesión ao non subrogar 15 traballadores
relacionada Itinerarios, horarios e paradas do transporte escolar quedan "intactos"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress