O concello de Santiago realoxa unha parella que viu como se lle alagaba a casa o luns

A auga derrubou un muro na zona e a riada chegou á vivenda. As intervencións en posibles "puntos negros" comezarán nuns días.


|

XandurostgXan Duro, concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia.


O Concello de Santiago de Compostela faise cargo do aloxamento dunha parella, que tivo que abandonar a súa vivenda que resultou alagada tras a tromba de auga, de ata 9 litros por metro cadrado, rexistrada na tarde do luns.


O concelleiro de Medio Ambiente de Santiago, Xan Duro, deu conta das incidencias que provocou a tromba ou "tormenta perfecta", como a definiu, da tarde deste luns, e que supón unha "situación inédita" ata o momento, con 309 raios nesa franxa e a maior cifra de choiva rexistrada en Santiago desde que existen estas medicións.


Uno dos incidentes máis graves, segundo explicou, produciuse na rúa do Olvido, no tramo coñecido como o Cancelón, próximo ao parque de Belvís. A vía, sen saída, finaliza nunha zona na que se recolle a auga cunha tubaxe enreixada. Con todo, debido á presión da auga e ao arrastre de maleza, acumulouse case "metro e medio de auga", que excedeu a zona de desaugadoiro e derrubou un muro que estaba na zona.


Tras tirar o muro, a riada alagou unha vivenda, na que se produciron importantes danos, tanto na planta baixa como na subministración eléctrica, o que provocou que, de momento, non poida ser habitada. Por este motivo, o Concello facilitou un aloxamento alternativo á familia que vivía na casa, entre tanto, está a colaborarse na reparación e limpeza do inmoble.


Ademais, avanzou que Viaqua xa encargou reixas de filtro para situar antes do termo da rúa, para poder así mellorar a seguridade neste punto "con marxe suficiente", aínda que puntualizou que se trataba dun punto que xa estaba en vixilancia para evitar a acumulación de maleza.


TORMENTA "INÉDITA"


O edil de Medio Ambiente quixo agradecer o traballo realizado polos efectivos da Policía Local, Protección Civil e os Bombeiros, tras un episodio tormentoso "inédito" no que se rexistraron 309 raios e con choivas moi localizadas, mesmo "por barrios".


Segundo relatou, na zona do Campus rexistráronse 19 litros por metro cadrado durante todo o día, en San Lázaro 22 e no Polígono do Tambre entre 40 e 50 concentrados entre as 18,00 e as 19,00 horas, conforme aos datos que lle proporcionou Meteogalicia, que situou os 9 litros por metro cadrado nesa franxa horaria como o rexistro máis alto en Santiago de Compostela desde que existe esta táboa de datos.


"PUNTOS NEGROS"


O concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, puntualizou que nos "próximos días" se iniciarán as intervencións nos "puntos negros" que se recollen nun estudo realizado polo Concello e a empresa Viaqua.


Entre as medidas previstas, situou a substitución de tubaxes ou a ampliación do seu radio, así como a localización de máis bocas de sumidoiros, atendendo á "complexidade" de cada punto. Como exemplo, citou o caso da rúa Frei Rosendo Salvado, na que se concentra a caída da auga da cidade desde a praza de Galicia ou a zona de Entrerríos.


CRÍTICAS DO BNG


Pola súa banda, o portavoz do BNG no Consistorio, Rubén Cela, insistiu na necesidade de estar previdos para as choivas que se suceden a partir do outono na cidade e que son motivo de danos, sobre todo, no sistema de canalización.


Do mesmo xeito, considerou que "o Concello conta cun bo punto de partida" ao referirse a un proxecto de plan de actuación realizado en novembro do ano 2015 pola concellería de Xan Duro e a empresa Viaqua.

relacionada Só a costa se libra hoxe das tormentas e a saraiba
relacionada ​A Valedora arquiva os expedientes contra Santiago polas persoas sen fogar
relacionada Santiago quere ser amigable para os usuarios das bicicletas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE