A plataforma 'Xuntos Podemos' acorda "desligarse" de Podemos
Contan con "máis de 2.200 simpatizantes", descontentos con que o partido en Galicia sexa "unha mera sucursal de Madrid, sen poder de decisión autónoma"
A plataforma cidadá 'Xuntos Podemos' acordou "desligarse" do partido Podemos logo do expediente aberto á presidenta da comisión de garantías da formación morada, Olga Jiménez.
A través dun comunicado emitido este luns, a plataforma, que di contar "con máis de 2.200 simpatizantes", sinala que esta situación foi "a pinga que colma o vaso" e que "non poden permanecer impasible ante a acumulación de insensateces xurídicas do partido".
Así, acusan a dirección estatal de Podemos de "vulnerar continuamente os dereitos dos seus inscritos" e que ao seu partido en Galicia de ser "unha mera sucursal de Madrid, sen poder de decisión autónoma algunha".
O comunicado, asinado polo portavoz de Xuntos Podemos, Carlos González Armada, sinala que en setembro convocarán unha rolda de prensa para informar sobre os pasos que dará no futuro a plataforma.
Mentres, desde Podemos 15M, o movemento político vinculado á plataforma 'Xuntos', aspiran a ser en Podemos "o mesmo que en Catalunya é o PSC para o PSOE", tal e como manifestan no seu perfil de Facebook.
Noutra publicación explícase que "despois da creación de Podemos 15M como movemento político", Xuntos "retomará a senda meramente social, abandonando as cuestións políticas, polo menos de momento".
Escribe o teu comentario