Podemos Galicia integra a oficiais e críticos nunha "comisión de consensos"
Estará formada por seis persoas e abordará a interpretación dos documentos saídos de Vistalegre II.
O Consello Cidadán Autonómico (CCA) de Podemos Galicia acordou a creación dunha "comisión de consensos" que abordará a interpretación dos documentos saídos de Vistalegre II e que estará formada por seis persoas que representarán as dúas vertentes existentes no órgano de dirección da formación morada galega.
A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, destacou a "moi boa sintonía" da reunión, onde se levou a cabo un "debate moi construtivo".
O encontro deste sábado do CCA produciuse xusto unha semana despois de que 18 dos 35 membros do órgano de dirección do partido se reunisen sen a secretaria xeral e aprobasen cambios na executiva de Podemos Galicia.
Unha reunión que volveu a ser desacreditada por Carmen Santos, quen recalcou que o CCA do pasado carecía de "carácter legal".
COMISIÓN DE CONSENSOS
Así as cousas, Carmen Santos anunciou a creación desta "comisión de consensos", que foi aprobada por "unanimidade" e que ten como obxectivo "a interpretación dos documentos nas partes que son interpretables", xa que, segundo a secretaria xeral, "outras están claras".
Esta comisión estará integrada por seis persoas, tres de cada corrente presente no Consello Cidadán Autonómico (por unha banda a oficial cos afíns a Santos e, por outra, os coñecidos como "críticos").
Con todo, Santos aclarou que aínda non están definidos os nomes que compoñerán esta comisión, que se darán a coñecer este domingo debido a que algúns membros do CCA non puideron asistir ao encontro deste sábado de forma presencial, aínda que si participaron por videoconferencia.
Ademais, volveu a abrir a porta a que se produza unha renovación na executiva de Podemos Galicia, unha cuestión que "se dirimirá" na citada comisión de consensos.
Escribe o teu comentario