Rajoy anuncia obras millonarias en estradas mentres bloquea o traspaso da AP-9

Presenta o plan ante os peixes gordos do sector das obras públicas. Desde Galicia fálase de "agravios constantes".


|

RajoyconstructoresRajoy, ante os maiores empresarios de obras públicas.

Rajoy anunciou aos catro ventos ante os peixes gordos das obras públicas que o Goberno lanzará tras o verán un Plan de Investimento Extraordinario en Estradas con obras de construción e mantemento sobre uns 2.000 quilómetros de autovías cun investimento de 5.000 millóns de euros que adiantará a iniciativa privada.


En concreto, en virtude do plan, o Ministerio de Fomento acometerá durante catro anos (2017-2021) unha vintena de "proxectos de gran envergadura" en autovías, que supoñerán actuar nun total de 2.000 quilómetros. Trátase dunha lonxitude equivalente ao 12% da actual rede (uns 16.281 quilómetros).


Os proxectos concretos definiranse proximamente. En virtude destes contratos, as construtoras terán que adiantar o importe necesario para acometer as obras. En concreto, deberán achegar recursos propios para cubrir un 20% do investimento e financiar o 80% restante.


As empresas recuperarán este investimento unha vez acaben as obras e poñan a autovía en explotación. A partir dese momento, recibirán un pago ou canon anual do Estado durante os trinta anos nos que se encargarán do mantemento das vías que, desta forma, quedan libres de peaxe para os usuarios finais.


RAJOY PRESÉNTAO ANTE AO SECTOR


A importancia que o Goberno lle dá ao plan evidenciouse polo feito de que foi presentado por Mariano Rajoy nun acto na Moncloa ao que acudiron as principais patronais e empresarios do sector, que levan varios anos reclamando a recuperación do investimento en obra pública en España, en mínimos históricos desde o inicio da crise.


"Temos unhas magníficas infraestruturas e queremos seguir mellorándoas, implicando niso a iniciativa privada, mirando a Europa e mantendo o compromiso co obxectivo de déficit", sintetizou Rajoy ante un auditorio entre o que se distinguían empresarios como o presidente de ACS, Florentino Pérez, e a presidenta de FCC, Esther Alcocer Koplowitz, e os conselleiros delegados de Ferrovial e OHL, Íñigo Meirás e Tomás García Madrid, respectivamente. Tamén acudiron as patronais do ramo Seopan, Anci e CNC.


"AGRAVIOS CONSTANTES"


Precisamente, esta mañá a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo un chamamento para mobilizarse o próximo 25 de xullo, Día da Patria Galega, para denunciar os "agravios constantes" do Estado con respecto a Galicia, entre os que destacou a negativa á transferencia da autoestrada AP-9.


A ese respecto, ademais de lembrar que as pensións galegas "son as segundas máis baixas" e que a mocidade está condenada a "emigrar en masa", centrou as súas críticas na negativa do Goberno á transferencia da xestión da autoestrada AP-9, un viario "pagado con diñeiro público e coas peaxes", coas que a concesionaria Audasa "segue facendo caixa día si e día tamén".


Por outra banda, criticou que o presidente da Xunta "agora inventa outro argumento" para xustificar que non se faga a transferencia. Así, esixiulle que explique "como poden ser 7 millóns de euros o problema, e que Rajoy teña 4.000 millóns para rescatar as radiais madrileñas".

relacionada Feijóo escuda en "problemas terriroriais" a negativa de Madrid ao traspaso da AP-9
relacionada O Goberno central volve vetar a tramitación da transferencia da AP-9

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE