González Formoso resume o seu mandato en "modernización" e "bo entendemento"

|

GonzalezformosogorettisanmartinValentín Gonzalez Formoso e Goretti Sanmartín.


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, fixo balance de xestión cando se cumpre o ecuador do seu mandato provincial. Dous anos no que resaltou a "modernización" da institución, que agora se rexe por "outra forma de gobernar" na que prima a autonomía local e o "bo entendemento" interno.


Nun almorzo informativo, acompañado pola vicepresidenta Goretti Sanmartín, González Formoso analizou as principais actuacións e proxectos desenvolvidos polas diferentes áreas en dous anos "intensos e interesantes", e nunha institución que estaba "devaluada" e na que, tras este bienio, recuperouse "a confianza".


"Somos ambiciosos nas nosas metas para transformar esta institución e modernizala, achegala á cidadanía e imprimirlle un ritmo distinto", asegurou González Formoso, que defende que nestes dous anos de goberno provincial se conseguiu "outra forma de gobernar".


O presidente da Deputación destacou a posta en marcha este ano do Plan Único, o "maior" do organismo provincial, con 71 millóns de euros a repartir entre os concellos coruñeses. Co novo plan de axudas, que agrupa ata trece plans provinciais, búscase dotar de "máis autonomía" aos concellos, e sempre seguindo os "criterios obxectivos".


O Plan Único tamén permite axudar no financiamento aos concellos. Tal é así que, segundo comentou Formoso, 44 concellos dedicaron os seus fondos a reducir a súa débeda con provedores.


EMPREGO


Así mesmo, outro dos alicerces do goberno provincial é o emprego. Para iso, o goberno provincial deseñou o novo Plan de Emprego Local (PEL) 2016-2019, que axuda a cubrir as necesidades básicas dos concellos a través da contratación de persoal.


En total, di Formoso, este plan supón a contratación de 3.000 desempregados da provincia baixo criterios sociais e un investimento que ascende a 30 millóns de euros.


Na súa intervención tamén destacou a aposta da Deputación polo turismo e o medio ambiente, destacando que, "por primeira vez", 48 concellos coruñeses contaron con informadores turísticos.


"CAMBIO DE MODELO POLÍTICO"


Nesta mesma liña manifestouse a vicepresidenta Goretti Sanmartín, quen destacou o "cambio de modelo político" na Deputación coruñesa, que agora dota dunha maior autonomía aos concellos para que sexa estes os que "decidan en que queren investir".


Ademais destacou a aposta pola cultura e o impulso da lingua galega, ademais do maior achegamento da institución aos cidadáns. Así mesmo, entre os proxectos, puxo en valor o labor por conseguir ser "unha deputación con memoria", en referencia ao traballo desenvolvido en materia de recuperación da memoria histórica das corporacións locais.

relacionada González Formoso: "Moitos dos que se foron volven chamar ás portas do PSdeG"
relacionada A Deputación da Coruña publica un mapa de represaliados polo franquismo
relacionada A Deputación da Coruña programa máis de 1.100 actos culturais en 2017

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress