O camiño cara á unidade das esquerdas en Galiza

Manoel Barbeitos
Economista

A maioría dos estudos e informes máis fiables coinciden en que a depresión económica última, da que aínda non saímos definitivamente, supuxo para Galiza un claro retroceso económico, un grave declive social (velaí por caso o déficit social reflectido en funcións como a atención sanitaria, o ensino, a dependencia, a vellez, a familia e a infancia, etc.), e un indiscutible deterioro medio ambiental. Por si isto non fora suficiente asistimos a un crecemento sen precedentes das desigualdades sociais, unha extensión da corrupción institucional e un clarísimo retroceso autonómico. En definitiva unha crise sistémica.


Unha crise que ten causas políticas. As políticas que con inusitada dureza veñen aplicando tanto o goberno español como galego, ámbolos dous en mans do mesmo partido (PP). Unhas evidencias que deberan facilitar a coincidencia entre os partidos galegos de esquerda (EN MAREA, PSdG-PSOE e BNG) nun mesmo diagnóstico.


Uns partidos políticos que tampouco deberan ignorar o que reflicten a cotío tanto as distintas contendas electorais celebradas como as propias enquisas: que a esquerda galega é plural por natureza, por que así o queren os/as cidadáns/ás galegos/as. Unha pluralidade que non é debilidade senón riqueza.


Se estes partidos galegos de esquerdas asumen estas realidades evidentes –crise social, territorial e política, pluralidade partidaria- non lles debera ser difícil entender que a única forma de sacarse de enriba este abafante dominio político e social da dereita ultraconservadora de Galiza é que acaden un nivel mínimo de acordo e unidade –tanto a nivel institucional como social-. Un acordo que, partindo da pluralidade, procure o artellamento dunha maioría social e política que sexa quen de levar as forzas de esquerdas ao goberno tanto da Xunta de Galiza como das distintas institucións políticas galegas. Paso imprescindible para reverter as políticas que nos están levando ao abismo social e político. Imprescindible pero non suficiente xa que estas forzas de esquerdas deben contar co apoio e a colaboración activa tanto do movemento sindical galego como das distintas organizacións que artellan o tecido social galego. Apoio necesario para acadar unha ampla maioría alternativa progresista. Maioría imprescindible para conseguir unha ampla mobilización cidadá que sexa quen de vencer tanto ao enorme poder institucional como mediatice que a dereita ten en Galiza.


Un acordo que, repito, precisa de que as tres forzas de esquerda con representatividade (EN MAREA, PSdG-PSOE, BNG) entendan e asuman sen equívocos que a esquerda galega é unha esquerda plural. Unha pluralidade que significa, como se di na linguaxe política, que todos eles "viñeron para quedar".


Velaí a primeira e imprescindible condición: que as esquerdas galegas deixen de pelexar entre si, acepten a pluralidade política e creen as bases para unha convivencia pacífica e colaboradora.


Unha unidade que non deber ser orgánica, senón política: en base a un proxecto político común. Unha unión política con un obxectivo central: a defensa dos intereses da maioría que son as clases populares –cidadáns de rendas medias e baixas-. Un obxectivo político nada difícil de procurar pero que esixe da necesaria madurez política nos dirixentes e cadros dos tres partidos políticos citados algo do que, polo que estamos vendo, non andan sobrados.


Unha unidade que precisa de que as forzas tradicionais de esquerda (PSdG-PSOE e BNG) entendan e acepten que as forzas emerxentes (EN MAREA) "viñeron para quedar" e, por caso, cesen na súa miope política de acoso e derribo aos gobernantes locais de EN MAREA (Compostela, A Coruña, O Ferrol). Unha unidade que tamén require por parte destas últimas (EN MAREA) entender que aquelas (PSdG-PSOE e BNG) son compañeiras de viaxe e abandonen algunhas reticencias sectarias derivadas de vellos e caducos estereotipos. Unha unidade que esixe de todas elas que entendan, como xa dixen noutro artigo, ca diversidade e a pluralidade enriquece e favorece as esquerdas.


Unha unidade que esixe coherencia as forzas emerxentes (EN MAREA) e moi especialmente aos partidos que a integran. Dificilmente poden ser cribles chamamentos a unidade das esquerdas cando no interior da organización propia (EN MAREA) non se practica a solidariedade e a colaboración que deben cementar tal unidade. Cando se opta por magnificar as diferenzas e fomentar a competencia interna ao tempo que se poñen atrancos ao seu funcionamento. Atrancos que agochan o obxectivo de dificultar o funcionamento autónomo de EN MAREA buscando, por parte deses partidos, tutelar os procesos e actuacións da mesma e sometela aos intereses partidarios. Practicas que deixan en evidencia como os intereses partidarios e particulares no seo da esquerda con frecuencia están por diante dos intereses das clases populares que din querer representar. Practicas que amosan como, a pesar do que se predica, tamén no seo de EN MAREA perviven aínda formas da vella política, modos de organizacións de réxime de corte clásico que tanto critican.


Unha unidade de acción que non parece tan difícil se entramos tanto no eido dos diagnósticos como das solucións políticas. Así non cabe ningunha dúbida de que as tres forzas políticas galegas coinciden a hora de avaliar tanto o partido que goberna a Xunta de Galiza como as súas políticas. Cabe algunha dúbida en que os galegos estamos gobernados por un partido franquista, que ten a corrupción como bandeira e que leva adiante políticas que provocan un enorme retroceso no económico, un grande incremento na desigualdade social e territorial e un grave deterioro no medio ambiente. Un partido que lle nega a este país os seus dereitos nacionais e que incluso menospreza a súa lingua. Un partido que ataca a liberdade e os dereitos democráticos de tódolos cidadáns. As evidencias de que tales cousas suceden en Galiza son innumerables e continuas. Cabe por tanto dubidar de que todas e cada unha das forzas galegas de esquerdas debera reivindicar o traballar unidas para dar un xiro radical a tal situación?.


Velaí unha primeira e indiscutible coincidencia. Unha coincidencia que seguro pode ampliarse aos eidos económico, social, político, medioambental e cultural. Por caso, hai ou non coincidencia entre as forzas galegas de esquerdas en que resulta urxente poñer coto as políticas neoliberais de axuste fiscal e rebaixa salarial para substituílas por políticas expansivas que teñan o crecemento económico e a creación de emprego como obxectivo central?. Hai ou non coincidencia entre as forzas galegas de esquerdas en que hai que poñer freo tanto ao desmantelamento fiscal do estado das autonomías como ao afogamento crecente dos concellos que esta levando a cabo o goberno de M. Rajoy (PP) co beneplácito da actual Xunta de Galiza (PP)?


Hai ou non coincidencia en que o xa débil estado de benestar está sendo demolido en Galiza, para entregarllo ao capital privado, polo que urxe proceder ao seu inmediato rescate para o publico e o posterior fortalecemento?. Non é a corrupción política un anatema para as esquerdas galegas?. Non son a solidariedade, especialmente con os que mais sofren, e a igualdade sinais de identidade das esquerdas?. Que lle impide, xa que logo, as esquerdas galegas chegar a uns mínimos acordos encol da recuperación destas sinais de identidade, encol da defensa destes obxectivos políticos?


Hai ou non coincidencia en denunciar que tanto a burbulla inmobiliaria, como as políticas de grandes infraestruturas e mesmo moitas das políticas industrias e forestais que se aplican en Galiza están provocando un enorme dano cando non unha desfeita, poida que nalgúns casos irreversible, no medio ambiente?


Finalmente, hai ou non coincidencia entre as esquerdas galegas en que o PP (Partido Popular) e un partido liberticida que, como tal, atenta contra os dereitos e liberdades fundamentais?


Velaí algúns, hai moitos mais, contidos políticos que avalían a viabilidade da unha unidade de acción entre as esquerdas galegas. Unha unidade que non so é viable senón necesaria, eu diría que imprescindible si, de verdade, queremos poñer fin a este abafante dominio conservador por parte dun partido político autoritario e corrupto (PP) que está levando a Galiza, e con ela a maioría dos/as galegos/as a unha crise social e xeracional.


Non son un inxenuo e sei das enormes dificultades e atrancos a esta reclamada unidade das esquerdas. Atrancos que, en moitos casos, proceden tanto de burocracias partidarias mais preocupadas, digan o que digan, polo seu presente e futuro que polo do país como de vellas desconfianzas e récelos mutuos entre as propias esquerdas moitas das veces ateigadas de inercias que conducen a privilexiar as diferenzas –incluso buscalas- na vez de traballar nas coincidencias.


Dificultades tamén derivadas do antagonismo e total rexeite a esa unidade –auténtico temor- por parte da maioría das elites e dos medios de comunicación e opinión galegos que aquelas controlan e que son maioría.


Pero é o único camiño. As esquerdas galegas están condenadas a entenderse do contrario o camiño levaraas de derrota en derrota. Derrotas que irán en claro prexuízo das clases populares galegas. De Galiza.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress