Investigadores da USC reciben un premio por unha investigación sobre a redución de peso

|

Basculapesoobesidad


O Premio de Investigación Fundación Dr. Antonio Esteve, dotado de 18.000 euros, recoñece este ano o importante achado que un grupo do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da Universidade de Santiago de Compostela sobre o tratamento da obesidade. O seu estudo comprobou como a liraglutida, medicamento que se utiliza para o tratamento da diabetes tipo 2, consegue diminuír o peso corporal mediante o incremento do gasto calórico e pode ser independente da inxesta. O tribunal internacional que outorga este galardón considerou este estudo asinado por Daniel Beiroa e dirixido por Rubén Nogueiras como o mellor artigo de investigación farmacolóxica publicado por un autor español nos últimos tres anos.


A Fundación Dr. Antonio Esteve entregará o seu décimo quinto Premio de Investigación este martes no Centro de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da Universidade de Santiago de Compostela. O acto contará coa presenza de Isabel Rodriguez-Moldes Rey, Vicerreitora de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de Fèlix Bosch, Director da Fundación Dr. Antonio Esteve, e dous dos autores premiados, Rubén Nogueiras, Director do CIMUS, e Daniel Beiroa, primeiro asinante do artigo premiado.


O traballo premiado conseguiu, por unha banda, demostrar en roedores como a liraglutida, máis coñecida como Victoza polo seu nome comercial, actúa no cerebro e activa un mecanismo para queimar graxa e incrementar o gasto enerxético sen que se vexa afectada a inxesta de alimentos. Doutra banda, a investigación tamén realizou un exhaustivo seguimento de quince pacientes con obesidade e diabetes tipo 2, controlando periodicamente o peso, a alimentación, a insulina, a glicosa e outros indicadores. Despois dun ano de tratamento, os pacientes mostraron un maior gasto enerxético e lograron perder un 5% de graxa, resultados especialmente relevantes, xa que a redución de graxa contribúe a mellorar o seu perfil clínico.


Esta é a décimo quinta entrega do galardón, que este ano se concede ao mellor traballo de farmacoloxía publicado por un autor español no últimos tres anos en calquera dos seus aspectos (deseño, síntese, desenvolvemento galénico, avaliación clínica ou de laboratorio, uso, etcétera). Os 55 artigos enviados ao longo desta convocatoria foron avaliados polo tribunal internacional composto por Fèlix Bosch (Barcelona, España), Rachel Tyndale (Toronto, Canadá) e Xavier Guitart (Bethesda, Estados Unidos).

relacionada Expertos galegos en obesidade grave reúnense en Santiago para unificar técnicas e tratamentos
relacionada A Federación Española de Diabetes denuncia a mala calidade das agullas en Galicia
relacionada Oito de cada dez galegos admiten ter feito algunha vez unha dieta

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress