Expertos galegos en obesidade grave reúnense en Santiago para unificar técnicas e tratamentos
Galicia é unha das comunidades autónomas onde existe máis porcentaxe de poboación con obesidade mórbida.
Santiago de Compostela acolle este venres o I Simposio do Grupo Galego de Tratamento da Obesidade Grave, un problema de saúde pública que afecta na actualidade ao 1,2 por cento da poboación española.
A reunión celébrase no Gran Hotel da capital compostelá e abordará aspectos como novas tecnoloxías en cirurxía bariátrica, retos e periadolescencia.
Liderado polo doutor Felipe Casanueva, xefe de Servizo de Endocrinoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e a doutora Raquel Sánchez, xefe de Servizo de Cirurxía do Complexo Hospitalario de Pontevedra, o grupo Galego de Tratamento da Obesidade Grave (GGTOG) é unha iniciativa autonómica de endocrinólogos e cirurxiáns que traballa nesta disciplina para unificar técnicas e procedementos e poder crear un rexistro galego no futuro.
DATOS DE GALICIA
Galicia é unha das comunidades autónomas onde máis porcentaxe con obesidade mórbida existe, xunto con Estremadura, Andalucía, Murcia e Canarias; e estímase que afecta a 6,5 de cada 1.000 habitantes (uns 7.800 pacientes).
Obesidade mórbida, obesidade grave ou obesidade clase III é o termo para a obesidade caracterizada por un Índice de Masa Corporal (IMC) de 40 ou maior ou dun IMC de 35 ou maior ante a presenza de polo menos unha ou outra enfermidade significativa ou discapacidade grave a causa do exceso de peso.
Escribe o teu comentario