O 'Porco Celta' presentará o seu logo de raza autóctona en Silleda

|

Porcocelta


A directora xeral de Gandaría, Belén do Campo, reuniuse este xoves con portavoces da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel), que lle adiantaron que o seu logo de raza autóctona 100% será presentado en Abanca Semana Verde de Galicia, nun acto que incluirá unha degustación de 'Porco Celta'.


Con este logotipo búscase protexer as razas autóctonas, preservando o patrimonio xenético animal e o mantemento dos sistemas de cría extensivos, que maioritariamente se empregan para a súa explotación.


Isto supón, lembrou a Xunta, un beneficio para a sustentabilidade do medio rural e do medio ambiente e permite realzar e potenciar a calidade destas razas. Ademais, con este selo, facilítaselle "ao consumidor máis información sobre o produto", á vez que para os produtores destas razas "supón unha vantaxe comercial".


A directora xeral explicoulles ao presidente de Asoporcel, José Barreira, e ao técnico da asociación Iván Rodríguez que xa se está tramitando a addenda pola que se modificará o convenio que subscribiron coa consellería e polo que perciben 85.000 euros anuais ata 2019. Grazas a esta modificación, os gastos subvencionables pasan a ser do 100%, como solicitaba o sector.


A través deste acordo, a entidade desenvolve actividades de recuperación, conservación e fomento da raza porcina celta como as que terán lugar en Silleda, onde está prevista unha degustación de carne. Asoporcel xa estivo presente tamén en Gandagro o pasado mes de xaneiro e en Xantar 2017, entre outras feiras e eventos.

relacionada Galicia, Asturias e País Vasco investigan como maximizar a produción de porco celta

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress