Galicia, Asturias e País Vasco investigan como maximizar a produción de porco celta

|

Porcocelta 1


O Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, desenvolve unha investigación sobre o porco celta en colaboración con organismos de Asturias e País Vasco. Segundo informa a consellería, estes entes pretenden descubrir cal é a carga gandeira ideal para maximizar a produción cuns efectos ambientais sobre a contorna "asumibles".


A coordinación do proxecto corre a cargo do centro de Medio Rural pero tamén colaboran a Escola Politécnica Superior de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, o Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (Serida) de Asturias e o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (Neiker) de Derio.


Responsables de todos estes centros reuníronse en Lourizán para compartir as actividades xa realizadas e revisar conxuntamente os resultados, xa que este proxecto comezou o 1 de xaneiro de 2016.


Na cita sinaláronse os obxectivos e as publicacións conxuntas previstas no futuro. Enmarcado neste encontro de colaboración, os investigadores desprazáronse ao concello de Rois para ver o ensaio práctico instalado no monte veciñal da Cubela, Cudimonte e Rois.


A través deste traballo e con estes catro equipos de investigación preténdese coñecer o efecto que as piaras en réxime extensivo, as habituais no porco celta, teñen sobre o medio ambiente e comparalas cos réximes semiextensivos e tamén as razas autóctonas coas híbridas.


MECÁNICA DO ESTUDO


O estudo inclúe cinco ensaios repartidos nas tres comunidades autónomas co obxectivo global de implementar sistemas silvopastorais con razas autóctonas de porcino de alta calidade de carne en réxime de explotación extensivo e cun aproveitamento final de froito para a alimentación animal.


Preténdese ademais incrementar o uso múltiple do territorio coa mellora da rendibilidade destas plantacións, tendo en conta aspectos ambientais.


Para iso, estudaranse valores como a biodiversidade da flora vascular, o arboledo adulto, os danos causados polos animais, a rexeneración das especies arbóreas, a fertilidade e a compactación.


Tamén se analizará o ciclo do carbono e saúde do chan, a biomasa de sotobosque, as herbas e a produción de froitos (castañas, landras), así como a sanidade animal e a influencia da nutrición en extensivo na produción das diferentes razas do tronco celta, entre outras cuestións. A investigación está previsto que finalice a finais de 2018.

relacionada ​Moura e Roxa, as mellores vacas do mundo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress