Os autobuses escolares en Galicia poderán levar tamén outros viaxeiros no rural

|

Autobusescolar 1


A integración dos sistemas de transporte público por estrada que foi aprobada este mércores polo Goberno galego permitirá que autobuses escolares poidan levar desde o próximo curso a outros viaxeiros en Galicia, o que terá unha especial incidencia no rural.


Esta decisión, que o Executivo xa avanzara, permitirá empregar as prazas vacantes en autobuses escolares para o transporte regular de pasaxeiros nos casos en que sexa "posible e necesario", aumentando así as posibilidades de mobilidade de quen viva no rural.


Destacouno o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen aludiu ao diálogo frutífero coas asociacións de pais e nais de alumnos (ampas) en relación a este asunto, cuxa "comprensión" enxalzou, antes de subliñar que se estenderá a figura do acompañante a todas as liñas nas que se opte por esa convivencia.


A Xunta calcula que a decisión de estender a figura do monitor acompañante permitirá aumentar a presenza deste responsable "en ata un 10 por cento, en función das zonas".


QUE FUNCIONE BEN O TRANSPORTE ESCOLAR, "PRIORITARIO"


A integración das rutas escolares no transporte regular será, nun primeiro momento, parcial, e afectará en torno a o 10 por cento das liñas de estudantes.


Nas zonas nas que se integrarán ambos os sistemas, reforzarase o acceso ao transporte público da poboación, ao duplicarse o número de paradas de autobús.


O acordo garante que "a prioridade" na integración será "o correcto funcionamento do transporte escolar, quedando blindada a atención das necesidades do alumnado en canto a horarios e paradas, así como asegurando a figura do acompañante escolar en todas as liñas".


Aínda que asegurou descoñecer cal será a organización en cada autobús, avanzou que non haberá "barreira física" algunha e apelou á "convivencia". Non en balde, argumentou que noutros autobuses tampouco se separa entre menores e adultos, e incidiu en que non tería sentido facelo, por exemplo, entre unha nai e o seu fillo.


APROBACIÓN DEFINITIVA EN DECEMBRO DE 2019


Este acordo --que previamente abordaron as Consellerías de Infraestruturas e Educación coas ampas-- supón "un paso decisivo" para a posta en marcha o próximo mes de agosto da primeira fase do plan de transporte público de Galicia, coa que se pretende "garantir a continuidade dos servizos" unha vez que finalice a vixencia dos contratos de concesión.


Ao mesmo tempo, segundo a Xunta, "anticipa" solucións para a reordenación "plena" do sistema, apostando polo aproveitamento de sinerxias, pola racionalización da oferta e pola coordinación de servizos.


As novas medidas, que se poñerán en marcha a curto prazo e que estarán vixentes para o próximo curso en diferentes zonas da comunidade, serán "avaliadas de forma permanente" para a reordenación global do sistema de transporte público de Galicia, que culminará coa aprobación definitiva do plan en decembro de 2019.

relacionada En Marea rexeita o mapa de transporte que insiste na "desconexión" rural
relacionada O novo mapa do transporte por estrada en Galicia empezará a funcionar en agosto
relacionada As anpas están a favor de que os autobuses escolares leven viaxeiros

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress