O novo mapa do transporte por estrada en Galicia empezará a funcionar en agosto

A Xunta agrupará as liñas por comarcas | As empresas concesionarias poderán utilizar microbuses ou mesmo taxis | Ourense e Lugo serán as primeiras provincias en ver cambios e as máis afectadas. 


|

Autobusviajero


O novo mapa do transporte de viaxeiros por estrada poñerá en marcha as súas primeiras liñas este verán. Segundo informan La Voz de Galicia e CRTVG, esta reorganización afectará a toda a xeografía galega, aínda que as primeiras provincias en ver cambios serán Ourense e Lugo, que tamén serán as máis afectadas dada a súa dispersión poboacional. As modificacións no mapa débense ao carácter deficitario de moitas liñas de transporte, motivado en parte polo declive demográfico de certas áreas, que poderían beneficiarse no longo prazo do novo 'autobús baixo demanda'.


En concreto, segundo informa La Voz de Galicia, serán un total de 578 liñas as que interromperán o seu servizo, despois de décadas de actividade, e que a Consellería de Infraestruturas someterá a información pública a finais deste mes, segundo explicou onte Ethel Vázquez ao presidente da FEGAMP, Alfredo García. Con todo, isto non significa que as localidades afectadas vaian quedar sen transporte de ningún tipo. A idea é agrupar liñas por comarcas para facelas máis rendibles ás novas empresas concesionarias, que ademais poderán usar taxis e microbuses, dependendo das necesidades concretas dos usuarios. 


Ademais, prevese que algúns usuarios poidan facer uso do denominado 'autobús baixo demanda', un esquema híbrido con características do servizo de taxi e autobús, polo cal contactarían directamente coas empresas e pedirían o seu autobús para cando o requiran. Con todo esta opción aínda non entrará en vigor este ano senón que terá que esperar a 2019, cando a Xunta volverá sacar a concurso todo o mapa para unificar totalmente o territorio.


Unha gran parte das concesións de transporte público actualmente en vigor en Galicia caducaron o ano pasado pero a Xunta obrigou ás compañías para seguir prestando os seus servizos ata este verán. Agora o goberno galego enfróntase ao reto de facer atractivo e sustentable o servizo que as operadoras abandonan por deficitario.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE