Deteñen a dous mozos de Portas por tentativa de homicidio tras agredir a outro cunha navalla

Consideraban que a vítima roubara diñeiro na casa dos pais dun dos detidos. 


|

Detencionjoven


A Garda Civil detivo a dous mozos veciños de Portas (Pontevedra) por un delito de homicidio en grao tentativa como presuntos autores dunha agresión con arma branca a outro individuo da mesma localidade ao que lle reclamaban unha importante cantidade de diñeiro.


O agredido, que tivo que recibir asistencia hospitalaria a consecuencia das feridas que lle produciron cunha navalla, fora ameazado de morte o día anterior, segundo informou o Instituto Armado.


Os feitos iniciáronse o pasado xoves día 18 nunha gasolineira do municipio de Caldas de Reis. A vítima atopábase revisando a presión das rodas do seu vehículo "cando foi abordado, increpado e ameazado polos catro ocupantes dun vehículo que se deron á fuga despois de efectuar un disparo ao aire", segundo relatan as mesmas fontes.


Ao día seguinte, esta mesma persoa denunciou sufrir outro incidente con dous das mesmas que o ameazaban o día anterior. Cando circulaba co seu vehículo, acompañado da súa noiva, polo viario que comunica Portas e Lantaño, atopouse de fronte cun vehículo ocupado por dúas persoas que lle bloqueaba o paso.


Ao ver que non podía continuar a ruta decidiu cambiar o sentido da marcha e na manobra de marcha atrás precipitouse sobre a cuneta. Ao quedar o vehículo inmobilizado os dous individuos que os interceptaran aproveitaron a circunstancia e mentres un deles increpaba á noiva do denunciante e lle arrebataba o teléfono móbil, o outro rompía cunha patada a fiestra da porta do condutor e agredíao fisicamente cunha navalla cando pretendía protexerse nos asentos posteriores. Así, resultou ferido con cortes na perna e no pescozo.


Finalmente os agresores déronse á fuga "non sen antes arrebatarlle tamén o teléfono móbil á vítima que deixaran ferido e inconsciente", segundo apunta a Benemérita.


AMEAZAS


As investigacións levadas a cabo polo Equipo e Policía Xudicial da Garda Civil de Cambados concluíron coa identificación e detención dos catro individuos que primeiramente abordaron á vítima na gasolineira, aos que se lles acusa dun delito de ameazas.


A dous dos arrestados, que foron os que supostamente o agrediron na pista de Portas, acúsaselles, ademais, dun suposto delito de homicidio en grao de tentativa. Os axentes incautáronse tamén de dúas armas de fogueo, que foron as utilizadas polos agresores na gasolineira.


As amenzas e posterior agresión debéronse, posiblemente a que un dos detidos acusa á vítima de roubar unha importante cantidade de diñeiro no domicilio dos seus pais, segundo sinala o Instituto Armado.


Os detidos, a maior parte deles veciños de Portas con idades comprendidas entre os 18 e os 39 anos, foron postos o luns a disposición do Xulgado de Instrución Número 1 de Caldas de Reis.

relacionada Dous irmáns reciben cortes cunha catana tras unha discusión

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE