A venda das centrais de Ferroatlántica decidirana funcionarios

|

Ferroatlanticabrens


O Executivo de Feijóo delega a decisión sobre Ferroatlántica nos empregados públicos que tramitan o expediente, tras a solicitude formal de segregación que permitiría á empresa a venda das centrais do Xallas, e pediulles que "non se deixen presionar" nin polos partidos, nin polos sindicatos, nin polos "intereses empresariais".


Feijóo defendeu que os informes dos funcionarios serán "vinculantes" á hora de tomar unha decisión sobre Ferroatlántica e sinalou que a Xunta non se apartará "nadiña de nada" do que trasladou aos galegos en sede parlamentaria. Ao tempo, reiterou que, ata hai pouco, non había ningunha solicitude presentada por parte da empresa.


"Acreditamos que diciamos a verdade e que, por tanto, estaba a intoxicarse cando se dicía que autorizabamos a venda das centrais", sinalou Feijóo, quen ratificou que "acaban de chegar os papeis" e que estes "están a ser estudados polos centros directivos e os empregados públicos competentes".


"E a Asesoría Xurídica non vai traballar baixo presión, vai traballar de acordo co seu recto proceder e de acordo co que estea conforme a dereito. A Xunta non vai traballar baixo presión de ninguén e os empregados públicos da comunidade teñen a independencia para ditaminar se a solicitude desta ou calquera outra empresa se axusta ou non ao título concesional e á lexislación", advertiu.


REUNIÓN CON ALCALDES


Respecto diso, lembrou que o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, xa recibiu o comité de empresa, e avanzou a súa intención de reunirse cos alcaldes da Costa da Morte cuxos concellos están afectados pola decisión para "falar de como ven a situación e informar do plan industrial que presenta a compañía no caso de que se lle deixe segregar".


"Con luz e taquígrafos. Creo que nos xogamos moito en Cee, en Dumbría e en Sabón", sentenciou Feijóo, quen reiterou que a decisión se debe tomar "conforme á lei" e tentar que "preserve os postos de traballo". Admitiu que o Goberno tamén desexaría que houbese "un maior investimento na comunidade.


"NON LLE DAREMOS NINGUNHA INDICACIÓN"


"Con esas tres formulacións estaremos ao que nos diga a Asesoría Xurídica e o departamento de Augas, e tomaremos a decisión para salvagardar o cumprimento da lei e os intereses dos traballadores", sentenciou o presidente, quen recalcou que o Goberno non dará "ningunha indicación" á Asesoría Xurídica.


De feito, pediu aos empregados públicos que se ocupan deste expediente que actúen "sen deixarse presionar por ninguén". "Nin polos partidos políticos, nin polas organizacións sindicais, nin polos intereses empresariais", apostilou.


"Que actúen conforme á lei porque representamos a un Estado de Dereito e, en Galicia, o Goberno é o primeiro sometido a el", sentenciou.

relacionada Os traballadores de Ferroatlántica saen da reunión coa Xunta "preocupados"
relacionada Un informe asegura que a Xunta non podería negarse a revogar o veto de segregación de Ferroatlántica

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress