Os traballadores de Ferroatlántica saen da reunión coa Xunta "preocupados"

O comité de empresa non conseguiu sacarlle á Xunta unha posición rotunda "do lado dos traballadores".


|

Ferroatlanticaconde


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, trasladou a traballadores de Ferroatlántica na Costa da Morte que "a mellor forma de dar resposta" ás súas demandas "é non precipitarse", posto que actuar apresuradamente no ámbito xurídico "nunca leva a bo porto".


Ao termo dunha reunión na Xunta de ao redor de hora e media, representantes do comité de empresa de Cee-Dumbría (A Coruña) e as centrais hidráulicas --é un comité unificado-- saíron "preocupados" e "intranquilos", pois viron "un pouco esquivo" o conselleiro.


Vírono "esquivo", en concreto, con respecto á postura que lle reclaman en contra da segregación das actividades da empresa, que permitiría a Ferroatlántica vender a parte destinada á produción de enerxía eléctrica. O comité de empresa da Costa da Morte asegura que esta venda supoñería "o desmantelamento" da actividade industrial na comarca, posto que perigarían, ao seu xuízo, as plantas de ferroaleación.


Tras citar o xuíz como investigado a Villar Mir na 'Operación Lezo', o conselleiro afirmou, a preguntas dos xornalistas, que "a situación persoal de calquera persoa é unha situación persoal que en ningún caso afecta á tramitación dun expediente administrativo da Xunta".


ACCESO Á DOCUMENTACIÓN


Así as cousas, en declaracións aos medios de comunicación tras o encontro co comité, indicou que Augas de Galicia está a analizar toda a documentación achegada pola compañía para poder emitir unha resolución "canto antes". Apostou por ser "garantista" e comprometeu "total transparencia" cara aos traballadores, aos que asegurou que terán "acceso" ao expediente, tendo en conta que o organismo dependente de Medio Ambiente avalíe se hai "información reservada que non hai lugar a facer pública".


O titular de Economía incidiu na necesidade de dar "garantías a todas as partes", e remarcou que o obxectivo é "cumprir a lei" e defender o interese público "centrado no emprego". A maiores, asegurou entender a "inquietude" dos representantes dos traballadores de Cee e Dumbría, pero mandoulles unha mensaxe de "tranquilidade e confianza".


O COMITÉ


Pola súa banda, o comité de Ferroatlántica na Costa da Morte, que asegura representar a 284 traballadores contando coas plantas de Cee e Dumbría (31 das centrais hidráulicas que se venderían de saír adiante os plans da empresa), lamentou que Conde fose, en palabras do seu portavoz, Alfonso Mouzo, "moi remiso" a poñerse "do lado dos traballadores".


Ao non recibir a documentación este martes, Mouzo sinalou que "segue en pé" a posibilidade de convocar mobilizacións, aínda que esperan recibila nos próximos días. A idea, subliñou, é "manter a tensión", posto que consideran a venda das centrais hidráulicas "ilegal" e "ilexítima", e esixen ante isto que a Xunta faga "fronte común" con eles e coa Costa da Morte "en xeral" para "parar os pés a unha empresa que está a actuar de forma mafiosa".


Outro membro do comité, Juan Villar, cargou igualmente contra o "pelotazo" que estes traballadores entenden que pretende dar Villar Mir. Deste xeito, censurou que Conde "non se mostrou moi preocupado" ante as denuncias da eventual deslocalización da produción. "Tratou de esquivar todas as preguntas", valorou.


Na cita participou o director xeral de Enerxía, Ángel Bernardo Tahoces, quen hai un ano en sede parlamentaria asegurou que "nunca houbo nin haberá" segregación das actividades.

relacionada Conde recibe hoxe a traballadores de Ferroatlántica para abordar a situación das plantas
relacionada Un informe asegura que a Xunta non podería negarse a revogar o veto de segregación de Ferroatlántica
relacionada Ferroatlántica solicita a segregación das centrais da Costa da Morte

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE