Popular non recibirá ningunha inxección de diñeiro público
Segundo o ministro de Economía, a entidade superou os test de estrés "terroríficos" do BCE, polo que descartan que necesite saneamento.
O ministro de Economía, Industria e Competitividade, Luis de Guindos, afirmou este xoves que o Goberno "non ten ningunha previsión de inxectar recursos públicos" en Banco Popular, e destacou que desde o Banco de España lle comunican "continuamente" que a entidade supera os niveis regulatorios mínimos.
Así o sinalou durante a súa participación nun xantar-coloquio sobre o papel de España na refundación da UE, organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD), no que asegurou que "independentemente do que é a regulación comunitaria, por suposto que o Goberno non ten ningunha previsión de inxectar recursos públicos".
De Guindos indicou que o Popular ten unha parte de negocio tradicional que é "moi boa", presenta unha exposición inmobiliaria superior á media do sector, conta cun novo equipo de xestión e accionistas privados.
"Non adoito falar de entidades concretas nunca porque non me corresponde", apuntou De Guindos, quen lembrou que os datos do Banco Central Europeo (BCE) poñen de manifesto que España fixo un esforzo "importantísimo" en saneamento do sistema financeiro.
Así mesmo, explicou que nin o Goberno nin o Ministerio de Economía teñen inspectores, senón que o Banco Popular está supervisado polo BCE, que é o supervisor único, e cando lle pregunta ao Banco de España -o "fío de conexión" do BCE coas entidades financeiras españolas- dinlle "continuamente" que o nivel de capital do Popular está "por encima dos niveis regulatorios mínimos.
De igual forma, lembrou que o BCE realizou a avaliación de calidade dos activos (AQR) e os test de estrés, dos que a banca española saíu "moi ben, incluso o Popular". Neste sentido, recalcou que se realizaron probas de resistencia baixo escenarios "terroríficos" para ver canto podían aguantar as entidades cun nivel de capital por encima dos mínimos e "a verdade é que o Popular pasou o exame".
Escribe o teu comentario