A Xunta insiste que os viticultores contraten seguros, a súa "materia pendente"
Medio Rural subliña que "o campo non pode estar pendente das axudas públicas" | En Marea critica a "parsimonia" de Medio Rural para actuar ante os danos das xeadas.
A Consellería do Medio Rural creará unha mesa de traballo cos consellos reguladores das denominacións de orixe galegas e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) para impulsar a contratación de pólizas de seguros por parte dos viticultores.
Así o apuntou este venres na comisión de Agricultura do Parlamento galego a directora xeral de Agricultura, Belén do Campo, onde apuntou que Medio Rural convocará a próxima semana a Comisión Territorial de Seguros Agrarios --un órgano creado polo Ministerio-- composto por técnicos da Consellería, Agroseguro, Enesa, o Consorcio de Compensación de Seguros e a Delegación do Goberno.
En resposta a unha pregunta de Davide Rodríguez (En Marea), Belén do Campo remarca que as pólizas por parte de viticultores son "unha materia pendente" e cre que todos os implicados deben "facer un esforzo", debido a que estes seguros non están xeneralizados nas provincias de Ourense e Lugo, recentemente afectadas polas xeadas.
Do Campo cre importante que se implemente a contratación de seguros, porque "o campo non pode estar pendente de axudas públicas", despois de que o 50% dos viñedos das denominacións de orixe se viran danadas.
Así mesmo, reiterou o avanzado no Consello da Xunta do xoves de que se mobilizarán 10 millóns de euros para mellorar a liquidez de explotacións vitivinícolas ante os danos das xeadas, con rebaixas de intereses en préstamos, entre outras medidas.
REPROCHES DE EN MAREA
Pola súa banda, Davide Rodríguez (En Marea) censurou á Xunta a súa "parsimonia e pasividade" para tomar medidas para paliar a "desgraza" das xeadas que afectaron a viñedos e castiñeiros, entre outros cultivos, a finais de abril, unido ao saraiba desta semana que acabou co "cento por cento" da produción vinícola en Valdeorras.
Respecto diso, Rodríguez avisa de que os viticultores "non subscriben seguros porque resulta moi caro" e "moitas veces" as pólizas son "insuficientes" para cubrir os estragos.
Tras demandar cuestións como que se declare a calamidade agrícola para cultivos non asegurables, o deputado de En Marea reprochou á Xunta que o pasado ano si que actuou con urxencia para comprometer axudas pola saraiba debido a que era época electoral.
POLÉMICA POLA CANCELACIÓN DE 'O AGRO'
Nesta comisión, a diputa de En Marea Paula Quinteiro preguntou á Xunta acerca de que o pasado 19 de abril a directora da TVG, Rosa Vilas, informou o comité de empresa da CRTVG da "supresión" do espazo 'O Agro'.
Así, Quinteiro demandou saber se esta decisión se debe a un recorte da partida orzamentaria achegada pola Xunta a un programa "imprescindible", que se emite desde hai 25 anos e que "non pode ser desprezado desta maneira".
En resposta, a secretaria xeral técnica de Medio Rural, Carmen Bouso, afirmou que a partida orzamentaria da Xunta para esta materia "é a mesma que todos os anos" e ultímase a formalización do acordo de vontades entre a Consellería do Medio Rural e TVG.
Despois de que Quinteiro reclamase que explique a que partida se refire e de cal é a súa contía, así como que profunde nesa información, Bouso contestoulle: "Ou non quere entender ou descoñece tanto os mecanismos administrativos da Administración autonómica que é posible que ese descoñecemento, non xustificable, faga que vostede volva preguntar o mesmo".
"Quizais non sabe o que é unha aplicación orzamentaria ou quizais non sabe o que é unha partida orzamentaria", espetou Carmen Bouso. Estas afirmacións provocaron as queixas da oposición e, posteriormente, a secretaria xeral técnica pediu "desculpas" se ofendeu " a alguén".
CREACIÓN DE 1.000 EMPREGOS CON FONDOS LEADER
Noutra orde de cousas, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, reiterou que o programa de desenvolvemento rural Leader ata 2020 conta con 84 millóns para Galicia.
Tras unha pregunta do Grupo popular, Pérez Dubois resaltou que este investimento supoñerá a creación de 1.000 postos de traballo e o mantemento doutros 3.000.
Escribe o teu comentario