Rocío de Frutos deixará o PSOE se Susana Díaz gaña as primarias
A deputada ourensá do 'non' defende que con Pedro Sánchez á fronte do partido "estariamos no bo camiño".
A ourensá Rocío de Frutos, unha das 15 deputadas socialistas que mantiveron o 'non' na investidura de Mariano Rajoy, anunciou este mércores que se dará de baixa no partido no caso de que a andaluza Susana Díaz gañe as primarias do PSOE.
Díxoo nunha entrevista concedida á Radio Galega quen comezou a súa militancia en filas socialistas unha vez 'fichada' para concorrer como cabeza de lista ao Congreso por Ourense, nas eleccións xerais de decembro de 2015.
Con todo, a deputada indicou que non prevé que a presidenta da Junta de Andalucía poida facerse coa Secretaría Xeral do PSOE, senón que augurou que Pedro Sánchez se fará coas rendas do partido o próximo día 21.
"Creo que representaría moi ben os valores da socialdemocracia, e que estariamos no bo camiño", opinou De Frutos, á vez que asegurou que lle gustaría que o ex lehendakari Patxi López "se integrase" na candidatura de Sánchez.
Escribe o teu comentario