Rescatados con síntomas de hipotermia catro peregrinos en Navarra
A choiva, a neve e o forte vento na zona de Roncesvalles obrigou a prestar axuda no Camiño de Santiago.
Efectivos de bombeiros do parque de Burguete rescataron este domingo catro peregrinos que se atopaban realizando o Camiño de Santiago con síntomas de hipotermia. Foron trasladados ao albergue de Roncesvalles e non tiveron que recibir atención médica.
Segundo informou a Europa Press o Gobierno de Navarra, sobre as 15.20 horas unha muller de nacionalidade brasileira, que se atopaba xunto a outros dous peregrinos no refuxio de Izangorre, solicitou axuda debido ás malas condicións meteorolóxicas.
Os bombeiros de Burguete mobilizáronse ata o lugar nun todoterreo e trasladaron a muller, con síntomas de hipotermia leve, e os seus dous compañeiros, ao albergue de Roncesvalles.
Dada as condicións meteorolóxicas na zona, con precipitacións de auga e neve e forte vento, os bombeiros decidiron percorrer o camiño tradicional da ruta xacobea para comprobar se algún peregrino máis necesitaba asistencia. Atoparon unha muller de nacionalidade inglesa, tamén con síntomas de hipotermia, á que trasladaron igualmente ao albergue de Roncesvalles.
Escribe o teu comentario