O Dépor encaixa outra vez ao comezo e non consegue pechar a permanencia

|

Deporosasuna 1O empate sabe a pouco en Riazor. //Fonte: RC Deportivo.


"Nós non viñamos a por un punto, así que non conseguimos o que queriamos", é a valoración que fai Pepe Mel do empate ante o Osasuna colleitado este mediodía. O adestrador deportivista declarou ao acabar que non ten "nin un reproche aos futbolistas, que fixeron todo para gañar, fixeron o que lles pedín". E mostrouse "satisfeito" coa mellora do equipo.


A pesar diso, o empate obriga ao Dépor a "remar unha semana máis". Con todo, Pepe Mel confía en que "facendo as cousas así, un punto imos sacar" nos tres partidos que faltan.


Cumpríase o minuto 4 de partido cando Osasuna se adiantaba no marcador. Un córner mal despexado pola defensa deportivista quedou franco a Steven Mondragón para fusilar a Germán Lux. Un novo tanto encaixado polos branquiazuis nos primeiros minutos dun partido.


No minuto 18 chegaba o empate para o cadro deportivista. Juanfran meteu un centro envelenado que se paseou por toda a área pequena e que cazou Guilherme, tirándose en prancha no segundo pau.


A segunda metade comezou cun Dépor presionando máis arriba, o cal derivou en moito menos perigo en ambas as áreas. Luisinho estivo a piques de facer o 1-2 no minuto 63. A remontada chegaría no minuto 70. Un saque de esquina botado por Emre Çolak cabeceouno Albentosa no segundo pau, devolvendo o esférico cara á área pequena, onde Guilherme se anticipou a Sirigu coa súa perna dereita para aloxar o balón na portería local.


Pero non puideron aguantar a vantaxe e no minuto 78, nun novo córner, empatou o Osasuna. Con este empate, o Deportivo suma 32 puntos, polos 24 que ten o Sporting de Xixón, equipo que marca a zona de descenso. Se os asturianos empatan ou perden o vindeiro sábado 6 de maio no Molinón ante Las Palmas, o Dépor xogaría o domingo 7 ante o Espanyol co seu posto asegurado a próxima tempada en Primeira División. No caso de que os xixoneses gañasen, aos branquiazuis bastaríalles un empate ante o conxunto barcelonés para selar a permanencia matematicamente.


FICHA


CA Osasuna: Sirigu, Aitor Buñuel (Javier Flaño, min. 77), Oier, Steven Mondragón, Fuentes (Álex Berenguer, min. 23), Clerc, Fausto Tienza (Das Cuevas, min. 77), Čaušić, Roberto Torres, Kenan Kodro e Sergio León.


RC Deportivo: Lux, Juanfran, Albentosa, Arribas, Fernando Navarro, Guilherme, Borges, Bruno Gama (Onda John, min. 62), Emre Çolak (Carles Gil, min. 78), Luisinho (Marlos Moreno, min. 88) e Andone.


Goles: 1-0 Steven Mondragón (min. 4); 1-1 Guilherme (min. 18); 1-2 Guilherme (min. 70); 2-2 Juanfran, en propia meta (min. 78).

relacionada O Dépor recibe un baño dos suplentes do Madrid
relacionada Bergantiños dá a cara: "Vai ser complicado gañar un partido de aquí ao final"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress