Ourense poñeralle música ao conto 'Formiga' de Carlos Casares

O Auditorio de Ourense acollerá o próximo 16 de maio o Concerto das Letras Galegas, que servirá de prólogo ás actividades que o Concello ten previstas con motivo do ano do autor. 


|

Carloscasares


O Auditorio de Ourense acollerá o próximo 16 de maio o Concerto das Letras Galegas, que este ano contará coa participación da Real Filharmonía de Galicia, o Coro Novo da Orquestra Sinfónica e a Coral de Ruada e que ofrecerá a estrea dunha obra baseada no conto 'Formiga' de Carlos Casares.


O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Fundación Casares, Javier Casares; o director da Real Filharmonia de Galicia, Maximino Zumalave, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, presentaron este venres a programación do Concerto das Letras Galegas.


Ramón Villares reivindicou este concerto, que se celebra desde o ano 2012, como unha oportunidade para "apoiar a compositores galegos" e "poñerlle música" aos textos dos autores homenaxeados con motivo das Letras Galegas.


Así, nesta ocasión os espectadores que acudan ao concerto gratuíto no Auditorio de Ourense poderán escoitar dúas obras tradicionais galegas: a 'Alborada' de Pascual Veiga e 'Lonxe da Terriña', de Juan Montes.


O programa complétase coa 'suite sinfónica sobre cantos populares galegos', de Enrique Granados e a estrea da obra 'Formiga', do compositor Rubén Vizcaíno, que pon música ao conto 'Formiga' de Carlos Casares.


CORPUS DE COMPOSITORES GALEGOS


Villares destacou que por mor dos Concertos das Letras, organizados polo Consello de Cultura Galega en colaboración co Consorcio de Santiago e o Consorcio para a Promoción da Música, está a reunirse "un corpus de composicións de novos autores galegos".


Nesta mesma liña manifestouse o director da Real Filharmonía de Galicia, que lembrou a creación dun "novo repertorio sinfónico e coral" sobre textos de autores como Paz Andrade ou Figueira Valverde.


Pola súa banda, o alcalde ourensán escenificou o apoio do Concello de Ourense a esta actividade co obxectivo de "poñer en valor e dar a coñecer a inmensa pegada que un ourensán como Carlos Casares deixou na Cultura de Galicia".


HOMENAXES A CASARES EN OURENSE


O edil lembrou que o concerto, que se celebrará o día anterior ás Letras Galegas, servirá como preámbulo ás actividades de homenaxe a Carlos Casares que o Concello ten previstas para o 18 de maio.


O Concello entregará á familia un pergamiño conmemorativo no Salón Nobre da Casa Consistorial e descubrirase unha placa, realizada polo escultor ourensán Xosé Cid, na Praza Bispo Cesáreo, xunto á sede do Liceo.


O presidente da Fundación Carlos Casares, Luís Casares, agradeceu "en nome da familia" as actividades programadas e que a cidade ofreza o "prólogo musical" ao Día das Letras.

relacionada Galaxia presenta a primeira biografía de Carlos Casares, "un contador de historias"
relacionada O ano Carlos Casares celebrará o seu día 'grande' o 17 de maio en Xinzo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE