Rueda reprende a Rodil por repetir as palabras do alcalde 'machista' de Noia no Parlamento

O BNG ve as súas manifestacións "misóxinas e inadmisibles nun cargo público" e pide "dar exemplo arrincando de raíz" eses comportamentos. 


|

Alfonsorueda 2


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, opinou este mércores que as palabras machistas do alcalde de Noia (A Coruña), o popular Santiago Freire, "non teñen xustificación", pero puxo en valor que "fixo o que tiña que facer", que era "desculparse inmediatamente".


Así o dixo ante o pleno do Parlamento, en resposta á deputada do BNG Olalla Rodil, quen deixou claro que as manifestacións do rexedor na celebración institucional do Día da Muller "non son desafortunadas, senón misóxinas e inadmisibles nun cargo público".


É por iso que a nacionalista pediu "dar exemplo arrincando de raíz calquera comportamento denigrante" cara ás mulleres por parte de persoas con "mentalidade machirula".


Enfronte, Rueda abundou en que non comparte, nin a título persoal nin en nome do Goberno galego, esas palabras, que están "fóra de lugar". Iso si, reprobou que a parlamentaria as repetira no inicio da súa intervención e que con iso provocase as risas entre os seus compañeiros de escano.


"Parece que para vostedes, depende de quen o diga, é diferente. Se o di o alcalde é gravísimo e se o di vostede, o seu grupo ri", censurou, antes de sentenciar que o BNG ten "moi pouca autoridade moral" para "criticar a ninguén" en vista dos seus comportamentos.


Referiuse así ao "respaldo" do deputado do Bloque Luís Bará á parlamentaria de En Marea Carmen Santos, quen "acusou" ao PP nun 'tuit' de violencia de xénero.


"QUE NIVEL!"


"Que nivel!", exclamou Olalla Rodil na súa segunda quenda, antes de interpretar que Rueda está en "unha fuxida cara adiante" cando equipara a súa intervención coas palabras do rexedor noiés.


E, a continuación, esixiu "algo máis" que unhas desculpas cando un cargo público "pon de volta e media ás mulleres utilizando estereotipos e prexuízos machistas e misóginos".


"Non se preocupe do noso alcalde, que xa lle dicimos nós que non fixo as cousas ben", resolveu o vicepresidente autonómico na súa quenda de peche do debate.


Ademais, sacou a colación que o primeiro edil de Santiago, Martiño Noriega, chanceou recentemente con que "a valedora [do Pobo] xa non lle escribe cartas de amor e que a bota de menos". "Iso deféndeno tamén?", apostilou.


"PROVOCAR"


Ao comezo da seguinte interpelación, o deputado de En Marea Manuel Lago lamentou que os responsables da Xunta acudan á Cámara "para provocar".

relacionada O PPdeG esixe unha rectificación de Carmen Santos por un tuit sobre a violencia machista
relacionada O alcalde de Noia xustifica as súas bromas machistas coa "retranca galega"
relacionada O alcalde de Noia ponse a contar 'chistes' machistas no acto do 8 de marzo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE