O alcalde de Noia ponse a contar 'chistes' machistas no acto do 8 de marzo
O popular Santiago Freire avisou de que recorre ao "chiste fácil" para encandear tres comentarios machistas do tirón.
Bendicido polo don da oportunidade, o alcalde de Noia non tivo mellor idea que poñerse a contar 'chistes' machistas no acto institucional que a localidade dedicou ao Día Internacional da Muller Traballadora. Santiago Freire, rexedor do partido popular, encadeou ata tres comentarios machistas do tirón, avisando de que recorría ao "chiste fácil": "A muller é capaz de sangrar sen cortarse, é capaz de dar a luz sen corrente e algúns din que é capaz de tocar os narices sen sequera achegarse".
E se era pouco xardín no que se metía, seguiu afondando en supostas desvantaxes biolóxicas nas que o machismo xustifica a 'debilidade' feminina: "O certo é que son moitas as complexidades e dificultades fisiolóxicas que ten con respecto ao home e que en ocasións ese traballo que teñen de desenvolver no día a día, traballos que requiren forza física se lle complique".
Ante semellante discurso, a oposición (PSdeG, Marea Cidadá de Noia e BNG) manifesta a súa indignación e difundiu o vídeo onde o alcalde se retrata. Este xoves teñen previsto reunirse para debater sobre accións que levarán a cabo.
O ALCALDE "DOÍDO" E "ARREPENTIDO"
Santiago Freire pediu "perdón" polas súas "desafortunadas palabras" e desculpouse ante "as persoas que se sentiron ofendidas" nun comunicado remitido aos medios este xoves.
"Foi un minuto fatal nun discurso no que, lonxe de querer atacar ás mulleres, o que quería era mostrar a miña máxima admiración á súa figura", asegurou.
Así mesmo, Freire incidiu no papel "fundamental" que desempeñan as mulleres en calquera ámbito da vida e, produto deste recoñecemento, o alcalde de Noia mostrouse "moito máis doído e arrepentido" pola polémica que provocaron as súas palabras.
Escribe o teu comentario