Pedro Sánchez ve "lexítimo" que Susana Díaz se presente ás primarias

|

Pedrosanchezpontecaldelas// @sanchezcastejon


O exsecretario xeral do PSOE Pedro Sánchez, que aspira a liderar de novo a formación socialista, visitou este mércores o municipio pontevedrés de Ponte Caldelas, onde afirmou que cre "lexítimo" que a presidenta da Junta de Andalucía, Susana Díaz, poida presentar a súa candidatura ás primarias do partido.


Pedro Sánchez, que atendeu brevemente aos numerosos xornalistas que acudiron a Ponte Caldelas, apuntou que con este debate "gaña o PSOE". "Desde logo nós afrontamos este proceso de primarias con ilusión, esperanza e a mellor das disposicións para poder debater nesta festa da democracia", manifestou.


A visita do exsecretario xeral socialista causou gran expectación na localidade pontevedresa e foron moitos os cidadáns que quixeron facerse unha foto con el durante o paseo.


Sánchez estivo acompañado do alcalde da localidade, Andrés Díaz, e de edís e militantes socialistas dos concellos da comarca. Entre outros, polo secretario do partido en Pontevedra cidade, Agustín Fernández, ou Gonzalo Caballero, membro da agrupación socialista de Vigo.


Finalmente, antes de continuar a súa viaxe ata Ourense, celebrouse unha comida con militantes e simpatizantes socialistas no bar-restaurante Ponte, "onde cada asistente se fixo cargo do importe do seu prato", segundo aclararon por parte do grupo municipal do PSOE.


CRÍTICAS DE CARMELA SILVA


Sobre esta visita, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reprochou esta acción do alcalde de Ponte Caldelas, o tamén socialista Andrés Díaz, por convidar a visitar a Casa Consistorial a Pedro Sánchez.


Carmela Silva comentou que entende que "hai que separar as institucións das actividades meramente orgánicas e políticas". Así, indicou que é "absolutamente respectuosa" coas decisións dos responsables municipais. "Como responsable política non é algo que eu faría", puntualizou.


Así mesmo, Silva lembrou que, no seu momento, tamén criticara que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, se reunira con deputados do Partido Popular na sede da Deputación en calidade de líder provincial da formación conservadora. "As institucións son os espazos onde reside a vontade popular", afirmou.


Así mesmo, a presidenta da Deputación de Pontevedra engadiu que cada un, en referencia a Andrés Díaz, é libre de facer "o que considere", pero insistiu en que ela "non o faría nunca", porque as institucións "non son de quen as dirixe, senón da xente".

relacionada Pedro Sánchez presenta en Pontecaldelas e Ourense o seu proxecto para recuperar o PSOE
relacionada Carmela Silva afirma que vai apostar "por unha muller" para liderar o PSOE
relacionada Caballero, sobre o 'preanuncio' de Díaz: "É unha moi boa noticia para España"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress