Xavier Vence solicita a baixa do BNG
O ex voceiro nacional remitiu unha carta á actual direccion na que explica as "varias e complexas" razóns polas que toma esta decisión.
O ex portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, solicitou a baixa da formación nacionalista a través dunha carta remitida á actual dirección da organización e unha semana antes de que o bloque celebre a súa asemblea de refundación, prevista para os días 25 e 26 de marzo na Coruña.
Segundo explicou o propio Xavier Vence este mércores, na misiva, explica as razóns "varias e complexas" polas que tomou esta decisión.
Con todo, preguntado por estes motivos, Vence recoñeceu que se deben ao descontento co rumbo actual da formación frontista, pero rexeitou facer públicos, polo momento, estes argumentos. "As razóns son varias e complexas pero non vou facer agora ningún comentario nin declaracións específicas ata que decida se farei pública a miña carta", indicou.
Xavier Vence, que liderou a formación entre o 2013 e o 2016, era unha das voces críticas que existían no BNG e que avogaban por un cambio no modelo organizativo que posibilitase achegamentos co espazo de unidade popular de En Marea para competir contra o Partido Popular en Galicia.
Precisamente, o exportavoz nacional foi un dos militantes nacionalistas que secundou o 'Chamamento de Vidán', no que os asinantes consideraban necesario reforzar o espazo político do nacionalismo en Galicia e "tender pontes" entre distintas organizacións para configurar unha alternativa ao BNG.
Escribe o teu comentario