Lores ve que Ana Pontón exerce o liderado que buscaba o BNG

O alcalde de Pontevedra afirma que na ría e nos montes "hai unhas posibilidades de xeración de emprego superiores ás de Ence".


|

Lorespremiohongkong


O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, considera que o BNG atopou a súa líder, a sarriá Ana Pontón, quen exerce como portavoz nacional da organización frontista desde hai pouco máis dun ano.


Nunha entrevista na Cadena Ser recollida por Europa Press, o rexedor nacionalista instou ao seu partido a "non estar pendentes dos que se foron": "Temos que mirar para nós mesmos", defendeu, xusto antes de denunciar que, ao "non ter capacidade de decisión", Galicia está a sufrir "consecuencias que non son de recibo" cando ten "unha capacidade de traballo impresionante".


"Dependemos de gobernantes que lles dá igual como vaia o país. Paréceme importante España e Europa, pero 'a vaquiña polo que vale': a nós interésanos o noso país", subliñou en relación a Galicia.


De feito, confesou que el é dos que pensa que hai que "pisar o acelerador": "O que veña detrás de marabilla e o que non que quede", resolveu, xusto antes de instar os seus compañeiros de partido a "non pensar no que foi e no que puido ser", en alusión á escisión que sufriu o seu partido en 2012.


Así mesmo, considera, tal e como xa dixo noutras ocasións, que "non virá de fóra remedio nin esperanza" e entende que pactar con forzas que teñen outros intereses "non é a solución". De igual modo, apostou por "incorporar ao nacionalismo e ao BNG a moitísima xente": "Hai unha marxe moi grande de traballo".


"SOMOS SOBERANISTAS!"


Preguntado por se o Bloque debería deixar aparcadas as formulacións soberanistas para a asemblea nacional que celebrará proximamente na Coruña, defendeu tallantemente que 'non': "O noso máximo argumento é que nós temos que ter capacidade de decisión, se non é imposible que poidamos avanzar. Somos soberanistas, como non o imos ser!".


Preguntado por se se propón dar o paso á política autonómica, asegurou que está "moi a gusto" cos pontevedreses e que aínda queda "traballo moi importante por facer". "Non me gusta desvestir un santo para vestir outro", engadiu.


Nesta liña, anunciou que, "probablemente", si se presente ás eleccións municipais de 2019, pero, en ton de broma, engadiu que non vai estar no Concello de Pontevedra "eternamente".


Sobre o modelo urbano de Pontevedra, esta vez nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press, considera que "a realidade é que somos un referente": "Chámannos de todos os continentes".


Preguntado polas críticas da oposición en relación á falta de industria, el mesmo dixo que Pontevedra necesita unha industria "ben situada", "non contaminante" e un polígono industrial situado nun lugar "estratéxico". Con todo, fixo fincapé en que el non é quen "xestiona" a política industrial da comunidade, do Estado ou da UE.


"EU NON TEÑO UNHA CONSELLERÍA DE INDUSTRIA"


"Eu teño que dar servizos, elevar a autoestima dos pontevedreses e mellorar a súa calidade de vida. Eu non teño unha Consellería de Industria e Economía", argumentou.


Sobre Ence, cre que xera emprego "desde o punto de vista económico": "Desde o punto de vista da saúde eu discutiríao moito. Non se caracterizan os xubilados de Ence por ter unha longa vida".


Por iso, volveu pedir a deslocalización da empresa para recuperar a ría e os montes porque, ao seu xuízo, en ambas as cousas "hai unhas posibilidades de xeración de emprego superiores ás de Ence".


Así mesmo, valorou positivamente as relacións coa Deputación de Pontevedra, encabezada pola socialista Carmela Silva, e co Concello de Vigo, dirixido polo tamén socialista Abel Caballero. Tamén considera que melloraron as relacións coa Xunta.

relacionada Lores: "Que se vaia Ence e todo o relacionado con Ence, canto antes mellor"
relacionada O BNG chama a participar na súa Asemblea para "relanzar o proxecto nacionalista"
relacionada Ana Pontón fía a renovación do BNG a sumar "a xente nova"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE