O Dépor dá a sorpresa en Riazor e confirma o cambio de rumbo

(2-1). Os de Pepe Mel mostraron orde defensiva para conter o Barça e chegar con bo estado de ánimo ao derbi do domingo que vén.


|

Bergantinhosriazor



Sorpresón do Dépor, que suma tres puntos inesperados na visita do Barça a Riazor. Os herculinos despregaron un gran traballo atrás para conter a efectividade blaugrana e golpearon os cataláns en dúas xogadas a balón parado. Unha vitoria que serve como inxección de moral e para adiantar posicións na táboa, ao Leganés e ao Málaga e recupera un colchón co descenso.


Os azulgranas, coa moral polas nubes trala histórica remontada de Champions saíron de inicio impoñendo a súa autoridade, controlando a posesión pero sen crear perigo grazas á orde defensiva do Dépor, que tivo as primeiras chegadas do encontro. A primeira, a saque de falta de Fajr e a segunda, cunha boa ocasión de Joselu que disparou centrado para que atrapase Ter Stegen.


O Barça puido combinar nos seguintes minutos ata a frontal da área de Lux, ou tentándoo polas bandas. En todo caso, topábase cada vez coa barreira defensiva plantada polo Dépor aguantando os embistes blaugranas. Antes da media hora de partido Luis Suárez e André Gomes perdoaron o primeiro tanto do Barça cun cabezazo ás mans de Lux e un disparo sen ángulo que marchou rozando a escadra.


No 40 chegou o premio para o Dépor. A zurda de Joselu aproveitou un balón morto na área pequena de Ter Stegen tras un rexeite nun córner para facer o primeiro gol do encontro e dar a sorpresa. Antes de irse ao vestiario o Barça gozou dunha dobre oportunidade de Luis Suárez e Piqué que non atoparon diana.


Pouco durou a alegría en Riazor. Aos dous minutos da continuación Luis Suárez atopou un balón solto rexeitado por Arribas tras un disparo de André Gomes e enchufouna polo pau curto de Lux.


Pero non baixou os brazos o Dépor, que tivo varios córneres antes de cumprirse a hora de partido e puido por momentos encerrar o Barça e buscar o segundo, coa bancada animando.


A última media hora de xogo, tralas primeiras substitucións, seguiu con certo perigo en ambas as porterías. E os intentos do Dépor volveron dar froitos. No 77 Álex Bergantiños impúxose a Jordi Alba para rematar pegado á madeira un saque de esquina ao segundo pau de Fajr. O capitán adiantou de novo os coruñeses.


Outra vez o Barça reaccionou na recta final. Tralo gol, Luis Suárez volveuna ter nun remate a queimarroupa completamente só que puido sacar Lux, cos deportivistas pedindo fóra de xogo. Acto seguido tentouno Messi cun zurdazo raso que atrapou Lux.


Nos últimos minutos os blaugranas envorcáronse completamente sobre a portería de Lux, con mesmo Piqué sumado ao ataque. Cando se cumpría o tempo regulamentario, unha falta na frontal enviouna arriba Messi, con Riazor tremendo.


Con todo, o Barça non conseguiu darlle a volta ao partido, e mesmo Fajr puido facer o tercerio para os coruñeses. O xogo e o resultado son unha inxección de moral para recibir o vindeiro domingo ao Celta.

relacionada O Dépor salva un punto no desconto grazas a un penalti
relacionada O Dépor respira coa súa primeira vitoria a domicilio da liga

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE