Feijóo e Noriega saen da súa reunión coas mesmas posturas separadas sobre a taxa turística compostelá

|

Feijoonoriegareunion


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, descartou a creación dunha taxa turística en Santiago, xa que considera que sería "un erro" tanto para a cidade como para o conxunto de Galicia porque a comunidade aspira a "atraer turismo" e esa medida "podería ter o efecto contrario".


Así o expresou o titular da Xunta este venres ao termo da súa reunión co alcalde de Santiago, Martiño Noriega. A creación da coñecida como 'taxa turística' para a capital galega foi un dos puntos tratados no encontro a proposta do rexedor compostelán, quen lembrou que a competencia en Turismo é autonómica e que desde o concello están "satisfeitos" con abrir o debate sobre a súa creación.


Para Feijóo, en Galicia non existe un "problema de 'overbooking' turístico" e, se se decide crear este imposto "debería poñerse en toda a comunidade autónoma" e "non hai oportunidade de facelo en Lugo ou Ourense" porque non todos os lugares de Galicia reciben o mesmo volume de visitantes que a capital galega.


Ademais, de crearse exclusivamente para Santiago, á cidade "non lle beneficiaría que o teña ela e non os concellos limítrofes". "Unha taxa turística nestes momentos para Galicia e Santiago non interesa. Non é un debate para atraer turismo", apostilou.


NORIEGA DEFENDE UN "MODELO CONVIVENCIAL"


Pola súa banda, o alcalde santiagués agradece que se "abra o debate" sobre esta cuestión a pesar de que a postura que defende o consistorio compostelán é "outra", xa que entende que é preciso "establecer un modelo convivencial" que "reparta as cargas" que implica a afluencia turística na cidade.


"Establecemos un diálogo con argumentos e contraargumentos", manifestou Noriega, para logo recoñecer que Turismo é "unha competencia autonómica" e que o "espazo de consenso" entre Xunta e concello "non pode ser absoluto".


"Santiago é un coma un equipo de canteira que xoga nas grandes ligas", reiterou o rexedor, que cre que a capital galega debe establecer "modelos equiparables" aos de "outras cidades europeas" que xa aplican a citada taxa turística.


COMPROMISO DE "15 PROXECTOS"


A Xunta de Galicia comprometeuse con Noriega a desenvolver "15 proxectos" para a cidade de Santiago coa intención de que sexan licitados "antes de final de ano" e estean finalizados en 2020 coa vista posta no ano Xacobeo que se celebrará en 2021. Entre eles atópase a estación intermodal, a nova estación depuradora, unha residencia de maiores no barrio das Fontiñas, a construción de entre 40 e 60 vivendas públicas, a nova cidade administrativa de San Caetano, a variante de Aradas e a mellora dos accesos da AP-9.


En materia de Educación, a Xunta impulsará a ampliación do colexio de Lamas de Abade, a construción dunha escola infantil e a creación dunha nova facultade de Medicina, que tamén inclúe a ampliación do Hospital Clínico.


Ademais, co Ano Santo de 2021 no horizonte, acometerase a reforma da Catedral, así como o acondicionamento do Monte do Gozo, un plan de sendas peonís e outro de integración paisaxística dos camiños de Santiago.


Para cumprir con estes obxectivos emprazou á "colaboración" do Concello de Santiago, que debe poñer "a disposición" da Xunta os terreos necesarios para estas actuacións, realizar as "modificacións urbanísticas" pertinentes, así como afrontar as "achegas financeiras" cando os proxectos "son cofinanciados".


NORIEGA EVITA "POSICIÓNS LOCALISTAS"


Ao termo do encontro, Noriega apuntou que en Santiago non deben existir "posicións localistas" porque é unha cidade que "representa o conxunto do país", polo que incidiu na necesidade de "construír un espazo de consenso institucional" entre administracións que "comparten" territorio e "sensibilidades".


Unha das cuestións formuladas polo rexedor santiagués foi o aumento das "ferramentas de financiamento" da cidade, como a partida de Capitalidade que destina a Xunta a Santiago pola súa condición de capital de Galicia ou a participación do Goberno galego no Consorcio.


Tras iso, apuntou que entre ambas as institucións existe un "pacto" polas "tres grandes infraestruturas" que a cidade precisa: a estación intermodal, a nova Estación Depuradora de Augas Residuais e a conectividade da AP-9.


INTERMODAL, EDAR E AP-9


En canto á primeira, tanto Feijóo como Noriega mostráronse confiados en que se cumpra o prazo establecido na reunión de hai unhas semanas en Madrid. Nela, Ministerio de Fomento, Xunta e concello acordaron iniciar o proceso de licitación, que debería estar adxudicado antes de final de ano, un obxectivo para o que, segundo Feijóo, o "máis importante" é que se poñan "a disposición" os terreos onde se asentará a nova estación e os seus accesos.


Sobre a nova depuradora ambas as administracións reafirmaron o compromiso de "cofinanciar" a obra baixo o parámetro "60,20,20"; é dicir, máis da metade do orzamento sería asumido polo Goberno español e a cantidade restante entre Xunta e concello.


Respecto da AP-9, actuación "prioritaria" para Xunta e Consistorio santiagués; Feijóo indicou que as obras para o acceso á autoestrada desde os barrios de Sar e As Fontiñas e a Cidade da Cultura atópanse "desbloqueadas" por parte do Ministerio de Fomento e que, nestes momentos, o Goberno galego está "a facer as expropiacións" dos terreos, polo que espera que os traballos se inicien nos meses "de maio e xuño".


A iso, Noriega sumou a mellora da conectividade da AP-9 coa zona norte da cidade, así como cos polígonos industriais e as estradas A-54 e N-550 para poder "pechar o círculo das infraestruturas", obxectivo para o que Xunta e Concello deben "camiñar da man".


POLÍTICA AEROPORTUARIA


Por último, Martiño Noriega defendeu a "coordinación" e a "non competición" en materia de política aeroportuaria, na que se debería "apostar pola colaboración coa Xunta e o resto de cidades, se hai vontade".


Así, tras apuntar a Lavacolla como o "gran aeroporto internacional" que debe asumir a "centralidade aeroportuaria" por estar emprazado na "capital do país", remarcou que entre as terminais galegas non debe existir "competencia desleal" e, por tanto, "non poxar con recursos públicos" a captación de novos destinos.


Ao comezo do encontro, o alcalde de Santiago entregou un agasallo ao presidente da Xunta pola súa recente paternidade consistente nunha caixa con contidos do programa 'Apego', que busca a dinamización lingüística e o emprego do galego desde as primeiras idades.

relacionada Martiño Noriega abordará con Feijóo este venres a taxa turística de Santiago
relacionada Noriega non vai "ser pesado" propoñendo ao Bloque entrar no goberno
relacionada Noriega confía en que "ninguén deixa de visitar" Santiago por unha taxa turística

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress