A reparación da cuberta de Riazor estará lista "en tres días"
O alcalde da Coruña avanza que, salvo que cheguen novos temporais, "o próximo partido de Liga xogarase sen problema".
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, avanzou que "en tres días" estará concluído "o groso" da reparación da cuberta de Riazor danada polo temporal e indicou que, salvo que cheguen novos temporais, "o próximo partido de Liga xogarase sen problema". Será dentro de dúas semanas, precisamente contra o Alavés, ao que o adiamento do Celta-Real Madrid deste domingo non sentou nada ben.
Esta mañá o alcalde reuniuse con Núñez Feijóo e, preguntado sobre se presentou ao presidente algunha petición de apoio para reparar o estadio de Riazor, Ferreiro explicou que "o Concello ten as súas previsións orzamentarias para arranxala", aínda que chanceou con que non tería "inconveniente" en que a Xunta "botase unha man".
Mentres, no plano deportivo, o equipo está centrado xa na visita a San Mamés deste sábado. Para preparar o encontro ante o Atheltic de Bilbao, os xogadores están citados todos os días en Abegondo, sen un día de descanso esta semana.
Escribe o teu comentario