Miseria da política partidista

Manoel Barbeitos
Economista

Nestes días asistimos a un crecente barullo, político e mediático, por mor dunhas certeiras declaracións do Ministro de Consumo, señor Garzón, ao prestixioso diario británico The  Guardian. Unhas declaracións que nunha democracia moderna e avanzada non pasarían de ser máis que as opinións do ministro.


Pero, está claro, que España aínda non é unha democracia avanzada e así vemos como as citadas declaracións son aproveitadas polas dereitas e os seus medios afíns que son maioría, para despois de pasalas polo seu laboratorio de fabricación de trolas manipulalas e terxiversalas e así poder atacar a este ministro e dividir ao goberno de coalición (PSOE/UP) coa esperanza de abrir unha fenda tal que finalice nunha crise gobernamental terminal.


Como era de esperar, a esta campaña de trolas lanzada polas dereitas sumáronse rapidamente aqueles baróns autonómicos do PSOE como, por caso, os señores Garcia- Page e Lambán, que desde a moción de censura (2018) mostran a súa incomodidade pola alianza do seu partido con Unidas Podemos. Dirixentes que, ademais de ter poucas simpatías por Pedro Sánchez, prefiren unha alianza do PSOE coas forzas das dereitas (Cs e PP) tal que permita, de paso, a volta ao seu melancólico bipartidismo.


As declaracións do ministro Garzón -recollo o núcleo central das mesmas: “A gandería extensiva é un medio ambiental sostible e que ten moito peso en partes de España como Asturias, partes de Castela e León, Andalucía e Estremadura... iso é sostible, o que non é en absoluto sostible son as chamadas macrogranjas. Atopan un pobo, nunha parte despoblada de España, e poñen 4.000, 5.000 e 10.000 cabezas de gando. Contaminan o chan, contaminan a auga e logo exportan esta carne de mala calidade destes animais maltratados”- non só están en liña co pensamento científico que puxo en evidencia como a gandería industrial é un modelo depredador de recursos naturais, que tanto esgota como contamina os recursos hídricos, que é enormemente dependente de insumos que están a provocar a deforestación de grandes áreas naturais como a  Amazonia, que pola mala calidade dos seus produtos afecta á saúde humana e que arrasa coas pequenas e medianas explotacións gandeiras que son maioría no sector -senón que ademais concordan coa liña política que a Unión Europea ben defendendo con relación as macrogranjas- a Unión Europea vén de levar a España diante do Tribunal de Xustiza da UE (TJUE) por non controlar a contaminación provocada polas macrogranjas. Por que entón este barullo político? Porque coinciden varios factores.


Empecemos dicindo que Alberto Garzón, como sucedía con Manuel Castells, é unha rara avis no escenario político español: culto, refractario ás rifas políticas e comunista, características que contrastan coas dunha porcentaxe moi elevada de dirixentes políticos e parlamentarios que os ven como intrusos. Vivimos tempos en que o nivel medio da clase política é bastante baixo.


Pero seguramente a principal razón deste barullo en base a unha trola haxa que buscala na actual situación das dereitas españolas: sen liderado, con fortes enfrontamentos internos (por caso, Casado-Ayuso), con continuos casos de corrupción (agora Zaplana e a  Kitchen, antes a Gurtel, Barcenas, Púnica, Imelsa, Ivan, Rato, Zamora...e así ad infinitum) que deterioran a súa imaxe, e tendo que ver como o goberno español de quenda (PSOE/ UP), a pesar das discrepancias internas, aparece cando estamos a chegar ao ecuador da lexislatura como un goberno sólido e competente, tal que saca adiante con folgura os orzamentos públicos e compromisos importantes -como, por caso, a nova reforma laboral-, que conta hoxe cun apoio parlamentario superior ao da moción de censura e que todo apunta a que camiña a unha segunda lexislatura. Normal que as dereitas (PP, Vox, Cs) estean nerviosas e tenten utilizar mesmo, como neste caso, as trolas como arma política -seguramente estarán a pensar que se lle serviron a Trump para gañar unhas eleccións tamén lles poden servir a eles-.


O que non debía entrar neste guion político é o comportamento dun número relevante de compañeiros de goberno de Alberto Garzón, aínda que sexan dunha forza distinta (PSOE) quen parece poñerse nerviosos cando UP "supéralles pola esquerda". A utilización dunha trola como arma para atacar publicamente ao ministro de Consumo parece un despropósito político que resulta maior cando se trata do propio presidente do Goberno (señor Sánchez). Un despropósito porque choca tanto contra toda evidencia científica como coas propias normativas comunitarias. Un erro político porque alimenta os argumentos da oposición (partidos políticos e medios de comunicación) e crea conflitos ridículos e innecesarios. Un comportamento dubidoso cando sabemos que foron os propios parlamentarios socialistas quen, no seu día (2018), enviaron unha pregunta parlamentaria a Comisión Europa expresando a súa preocupación pola contaminación provocada polas macrogranjas...da comunidade de Castela-León.


Son miserias da actual política española que ao goberno de quenda (PSOE/ UP) pódenlle custar caras o que sería lamentable, moito máis cando o vento sópralle a favor.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE