Cultura democrática e altura de miras

Manoel Barbeitos
Economista

Días atrás tivo lugar un encontro entre o Presidente da Xunta (señor Feijóo) e lidérelos da oposición (señora Pontón e señor Caballero) do que cabería esperar algúns acordos positivos para o país dada a gravidade da situación que atravesamos. Non parece ser o caso.


A resposta do señor Feijóo a tal encontro (ademais de rexeitar "un acordo de país" dixo atopar "síntomas desesperanzadores" na reunión) foi a propia dun dirixente político que, a pesar de contar cunha maioría absoluta parlamentaria, un control cesarista do seu partido e a cobertura de medios de comunicación e opinión afíns -que son maioría en Galicia-, non é quen de entender que na democracia non se debería ir a piñón fixo nin tentando atropelar aos contrarios, senón ofertando diálogo e concertación. Que a democracia tamén serve para medir, especialmente en momentos de dificultade como o presente, a talla dos líderes políticos, a súa cultura democrática e a súa altura de miras.


O impacto da Covid-19 sobre a saúde, a actividade, o emprego e a produción está a provocar en Galicia, como en España e en Europa, a maior crise sanitaria, económica e social desde a Segunda Guerra Mundial. Unha crise que, de non mediar políticas públicas contundentes e aglutinadoras de amplías maiorías sociais, deixará moitos damnificados e damnificadas (familias, empresas) e provocará unha deterioración tal que tardaremos décadas en superalo.


Neste marco tan crítico non basta con ter maiorías absolutas parlamentarias, senón que resulta imprescindible gañarse a confianza do país. Algo que esta Xunta de Galicia (PP) non conseguiu como así mostra, por caso, a evolución de magnitudes macroeconómicas tan relevantes e indicativas como o aforro e o investimento privados que camiñan en direccións contrarias ás que sería desexable e precisaríase. O mesmo sucede coa mocidade galega cuxa diáspora non se detén poñendo de manifesto como unha mocidade que pasa por ser a mais preparada da historia vese precisada a ir polo mundo na procura de oportunidades que non atopa no seu país.


Claro que malamente se pode pedir a un goberno e a un partido político que se gañe a confianza dos axentes sociais e da cidadanía no presente e no futuro do país cando eles mesmos non parece tela. Velaí, por caso, tanto a a pobreza dos Orzamentos Públicos que aprobou o goberno galego para o ano 2021 como o pobre peso no mesmo dos investimentos públicos nunha conxuntura na que se precisaría dun moi forte estimulo: cando as fontes máis fiables falan dunha caída do PIB do 10% (6.500 millóns de euros) o incremento no gasto público non chega ao 25% desa cantidade (1.400 millóns de euros).


Tampouco se consegue esa confianza desprezando as ofertas de colaboración tanto da oposición como doutras institucións (deputacións, concellos, axentes sociais...). Un desprezo que pon en evidencia, como sinalaba ao principio, que este país está precisado de contar no goberno galego con auténticos estadistas que se poñan á fronte e sexan quen de mobilizar a maioría da cidadanía a favor do obxectivo común de superar esta gran recesión sen que ningún galego quede atrás.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE