As bases da desigualdade de xénero en Galicia

Manoel Barbeitos
Economista

O pasado martes, 9 de marzo, tivo lugar no Parlamento galego un debate entre o actual Presidente da Xunta de Galicia (Alberto N. Feijóo) e a Xefa da oposición (Ana Pontón) que pola relevancia do obxecto de debate (a desigualdade de xénero) era merecedor tanto dun maior protagonismo parlamentario como dunha maior cobertura mediática.


Non foi así e as razóns son sobradamente coñecidas, como subliñamos repetidamente nestas páxinas. Por tal motivo, ben cabe lamentar que a cámara lexislativa galega non estivese á altura que sería mester e que cabería esixir, xa que as causas desta desigualdade de xénero son políticas. Porque son as políticas públicas que veñen aplicando desde os distintos gobernos, como sucede co goberno galego (PP), as que favorecen unha desigualdade que se fai mais insoportable en situacións de crises como a actual. Conxunturas que en moitos casos, son aproveitadas para, con recortes e vulneración de dereitos, profundar aínda mais na fenda.


Como poñen en evidencia todas as estatísticas fiables las mulleres galegas teñen moitas mais dificultades para incorporarse ao mercado laboral que os homes e cando finalmente atopan un emprego é, na maioría dos casos, de peores condicións (xornada, salario, contratación...). Unha desigualdade que ten a súa cenit nas fases recesivas cando os despedimentos son maiores entre as mulleres que entre os homes ("o desemprego e a precariedade teñen cara de muller" berraban nas manifestacións do día 8). Situacións que explican por que está a dispararse o número de mozas galegas que emigran.


A pandemia da COVID-19 deixou en evidencia o lamentable estado en que se atopan as funcións de benestar mais fundamentais (a atención aos maiores, a dependencia, a atención a familia e a infancia...). Grandes déficits de servizos e transferencias que, nunha sociedade con baixo emprego e grandes desigualdades laborais, conducen a que sexan maioritariamente as mulleres quen acabe cubrindo esas deficiencias. Unha cobertura que vai en prexuízo tanto da súa situación laboral como familiar. Que limita a súa liberdade e desenvolvemento persoal. Que mesmo afecta á súa propia seguridade, pois non por casualidade sucede que en períodos críticos como o actual increméntense os casos de violencia de xénero.


Entre os factores que favorecen unha maior desigualdade de xénero ocupa un lugar relevante o gran poder de influencia que no actual goberno galego (PP) teñen grupos de presión moi ligados a Igrexa católica. Colectivos poderosos que son quen de impoñer nas políticas públicas a súa ideoloxía conservadora que sitúa ás mulleres nun papel desigual e subordinado (esposa, nai, filla, secretaria...) en liña coas teses do catolicismo máis rancio e retrógrado.


Finalmente sinalar a importancia que ten o feito de que entre unha maioría das elites económicas, políticas e mediáticas aínda non exista a suficiente conciencia de como a desigualdade de xénero está afectando á propia economía do país galego, de como amplía a dimensión e a duración das crises xa que, por caso, menos e peores traballos supoñen menor riqueza e tamén menores ingresos públicos (fiscais e de seguridade social). Unha evidencia desta carencia témola no feito de que no debate político e mediático ocupen máis espazo, por caso, os investimentos en infraestruturas viarias que o gasto en servizos públicos de benestar.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE