O amigo americano

Manoel Barbeitos
Economista

En España desde hai algúns séculos, pero moi especialmente desde que Dwight D. Eisenhower, sendo presidente dos Estados Unidos, visitásenos (1959) para lexitimar a criminal ditadura franquista, esta nación de nacións ocupa un lugar preferente na acción e na información políticas. De tal forma que con frecuencia parecese coma se fose o cincuenta e un estado da Unión. Un fenómeno que non é exclusivo senón que se pode ampliar practicamente a toda Europa.


Hai evidencias que confirman o subliñado. Por caso, o próximo 3 de novembro ("o primeiro martes") celebraranse eleccións presidencias nos Estados Unidos que serán as cincuenta e nove. Pois parecerá que son unhas eleccións que se celebren en España ou nalgún dos estados europeos da nosa contorna. Seguramente que entre a opinión pública española e europea os candidatos a presidente de ÚSAOS (neste caso Donald Trump e Joe Biden) sexan máis coñecidos que calquera outro/a candidato/a europeo/á as eleccións do seu país.


Se aceptamos que, por caso, a España actual xa non é aquela de "Benvido Mr. Marshall" senón unha España que forma parte da Unión Europea, como explicar que se manteña no tempo esta especie de colonialismo cultural? Como explicalo cando os Estados Unidos de hoxe en día xa non son aquela potencia que xurdiu líder da II Guerra Mundial e mantívose hexemónica durante décadas? Empezaría a perder esta hexemonía logo da cruel Guerra de Vietnam (1955-1975) da que saíu claramente derrotado a pesar da enorme saña con que bombardeou esa rexión asiática: máis de sete millóns de toneladas de bombas.

.


Seguramente que para atopar unha explicación convincente teñamos que mirar para dentro, cara as Europa e España actuais. Nesta fase da economía mundo que nos toca vivir, Europa forma parte da periferia e España é periferia desa periferia. No primeiro caso, e contra o que nos quere vender a burocracia europeísta, nunca existiron, nin existen, uns auténticos "valores europeos". Máis aínda, a nivel cultural a hexemonía estadounidense en Europa é incuestionable. 


Por caso, e segundo a UNIC (International  Union  of Cinemas) as películas estadounidenses (Hollywood) seguen sendo as que lideran a maioría de as  despachos de billetes europeos. Se en Europa o TOP20 segue dominado polas producións estadounidenses que quedan co 67,5% da cota de mercado en España, nestes últimos anos, as seis primeiras foron estadounidenses. En relación ao mercado europeo da música sinalar, por caso, que o 70% da música que actualmente se escoita en Europa é por medio das plataformas streaming nas que a empresa Spotify (sueco-estadounidense) e Apple Music (estadounidense) son as grandes dominadoras. Seguramente que a influencia dixital teña moito que ver con este dominio xa que tanto o sector cinematográfico como o musical están totalmente condicionados por aquela. Porque este amigo americano aínda conta cun oligopólico dominio nas NTIC (Microsoft,  Apple, Facebook, Google,  Amazon...). Un mercado dixital no que Europa aparece cada vez máis dependente.


Unha influencia estadounidense que tamén se traslada á defensa militar e que se poñen claramente de manifesto coa supervivencia da OTAN a pesar de que as razóns que xustificaran a súa creación xa non existen: o perigo comunista. Unha organización militar  cuxo mando real segue sendo estadounidense. Un mando que nas últimas décadas deu probas contundentes de incompetencia (Irán, Afganistán, Iraq, Somalia, Sudán, Serbia, Libia, Iemen, Siria...) con brutais intervencións que deixaron a eses países moito peor do que estaban. Unhas intervencións que, por outra banda, colocaron en moi mal lugar aos aliados europeos, quen incapaces de presentar outra estratexia ven forzados a apoiala militar e politicamente mostrando así a súa servidume cara o amigo americano.


Por se Europa non tivese suficientes quebradizos de cabeza propios, o amigo americano tenta agora metela no seu batalla comercial con China. Liorta na que, de producirse, Europa ten moito máis que perder que gañar. Con todo, a pesar desta evidencia, non parecen ser quen de opoñerse a esta batalla que de enquistarse sería mortal para Europa dada a dimensión que conseguiron os seus intercambios comerciais con China.


Seguramente sexan estas moitas das razóns de porque en España segue dominando, en relación ao amigo americano, unha posición provinciana como proba, por caso, á xa citada atención ás eleccións presidenciais estadounidenses que resulta, de xeito evidente, excesiva. Mais se se ten en conta o menosprezo -menor aprecio- que aínda se mostra para cos estados de Oriente (China, Xapón, India...) e mesmo con membros da Unión Europea. Ben é certo que conforme esta avanza máis motivos aparecen para que creza a desafección entre uns cidadáns europeos cada vez máis enfadados coas súas elites. Quizais por iso moitos sigan mirando ao amigo americano... a pesar de Trump.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE