Un control de desprazamentos atopa un condutor portando 250L de licor café, licor de herbas e augardente sen documentar
Axentes do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Ourense incautáronse de 250 litros de bebidas alcohólicas nun control de desprazamentos durante o actual estado de alarma.
Segundo informa, sobre as 20,30 horas do mércores, os gardas civís atopábanse realizando un control na A-52, na saída 224, en sentido Ourense, cando procederon a verificar un vehículo monovolume que circulaba nesa dirección.
O home, un condutor de 46 anos, veciño de Ourense, non puido xustificar a razón do seu desprazamento, motivo polo que os axentes consideraron oportuno realizar unha inspección máis detida.
No rexistro do vehículo, os gardas civís atoparon cinco garrafas de plástico de 25 litros cada unha, con licor café; tres garrafas de 25 litros as dúas, con augardente branca e outros dous, tamén da mesma cantidade, con augardente de herbas. As garrafas atopábanse sen etiquetar e sen documentación que acreditase a súa procedencia e destino.
Aínda que o condutor confirmou as sospeitas dos axentes respecto ao contido das garrafas, non fixo manifestación algunha en relación coa súa orixe e destino polo que os axentes procederon a intervir a mercadoría para o seu traslado a dependencias policiais á espera de que quede acreditada a titularidade e procedencia, así como a natureza lícita da mesma.
Ao mesmo tempo, formulouse acta de denuncia en materia de seguridade cidadá ao atoparse o condutor realizando un desprazamento non autorizado e contrario ás presentes esixencias sanitarias.
Escribe o teu comentario