Comisan máis de 20.000 euros a un veciño de Muros acusado de vender droga durante a corentena
Ademais do diñeiro, a Garda Civil incautou drogas de distinto tipo no domicilio do detido, onde acudían veciños de Muros e outras localidades.
O equipo da Policía Xudicial da Compañía da Garda Civil de Noia detivo a un veciño da localidade de Muros como presunto autor dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas, segundo informa a Benemérita.
En relación á desarticulación deste punto de venda de droga, explica que se procedeu á intervención de 20.510 euros, 420 gramos de cocaína, 110 gramos de haxix, básculas de precisión e munición do calibre 12 e 22 tras un rexistro no domicilio do sospeitoso.
Os feitos iniciáronse cando a Garda Civil tivo constancia de que un home podería estar a se dedicar ao tráfico de drogas na devandita localidade durante o estado de alarma.
Isto motivou o inicio dunha investigación para desarticular o punto de venda de droga "que, á súa vez, estaba a favorecer o incumprimento do estado de alarma por parte dos compradores e así poder evitar que se producise un posible foco de contaxio do COVID-19", engade.
No marco da mesma, púidose acreditar que "numerosos veciños da localidade, así como doutras próximas" desprazábanse, para adquirir substancias estupefacientes, ao domicilio do detido, situada na zona do centro histórico, nunha zona de canellóns.
No seu comunicado, a Garda Civil subliña que "dado que a cantidade de droga que o detido estaba a dispensar ao longo do día era considerable, no caso de que houbese algún positivo por COVID-19 no interior da vivenda ou algún dos compradores estivese contaxiado, as consecuencias, polo menos en termos cuantitativos, poderían ser enormes nun período moi curto de tempo".
Ademais, explica que "ante a evidente gravidade" dos feitos e pola "comisión dunha actividade delituosa por parte do detido" solicitouse mandamento xudicial de entrada e rexistro ao Xulgado de Instrución número 1 de Muros, procedendo a darlle cumprimento na madrugada do 14 abril.
Escribe o teu comentario