As folgas, desconvocadas, logran que Ryanair acepte negociar o seu primeiro convenio
Sindicatos e aerolínea chegan a un acordo de última hora esta madrugada tras máis de 14 horas de reunión.
Os sindicatos Sitcpla e USO desconvocaron as xornadas de folga previstas para o xoves 10 de xaneiro e o domingo 13 de xaneiro ás que estaban convocados os tripulantes de cabina (TCP) en España de Ryanair tras chegar esta madrugada a un acordo coa aerolínea, anunciaron ambos os sindicatos nun comunicado conxunto.
O acordo, alcanzado na Dirección Xeral de Traballo tras máis de 14 horas de reunión, deberá ser ratificado en asembleas polos tripulantes de cabina e con el fíxanse "os cimentos" para normalizar as relacións laborais deste colectivo baixo o marco xurídico e laboral español.
No acordo subscrito con Ryanair inclúese o compromiso de iniciar de inmediato a negociación do primeiro convenio colectivo para os tripulantes de cabina da aerolínea, o que, segundo os sindicatos, era "impensable" hai uns meses.
"A consecución do acordo alcanzado na madrugada do día de hoxe é o resultado dun longo ano e medio de loita e accións sindicais coordinadas tanto no territorio nacional como no marco da Unión Europea. Como consecuencia da firma do acordo procederemos de maneira inmediata á desconvocatoria das folgas previstas para os días 10 e 13 de xaneiro de 2019", indicaron os sindicatos.
Os sindicatos deben celebrar agora asembleas nas distintas bases para explicar como afecta a cada traballador o acordo alcanzado.
MELLORAS
Para as organizacións sindicais, un dos principais logros que contempla o acordo é a garantía de estabilidade no emprego e a mellora das condicións laborais, xunto á que era a principal reivindicación sindical: a aplicación da lexislación española.
"Estamos convencidos de que pronto todos os traballadores de Ryanair en España poderán gozar plenamente dos seus dereitos como cidadáns da Union Europea", conclúen.
Escribe o teu comentario