​“Galicia debe ser tratada igual que Cataluña en calquera redefinición do modelo de Estado”

Nesta entrevista, o líder do PSdeG aplaude a estratexia de diálogo coa Generalitat. Gonzalo Caballero, que leva oito meses no cargo e que apoiou a Sánchez nas primarias, aposta por un PSOE “ancorado na esquerda” pero capaz de construír un proxecto maioritario. A chegada do AVE, a súa “boa” relación co seu tío e ex-rival Abel Caballero e a posible candidatura de Bugallo en Santiago son outros dos temas desta conversa.


|

Nesta entrevista, o líder do PSdeG aplaude a estratexia de diálogo coa Generalitat. Gonzalo Caballero, que leva oito meses no cargo e que apoiou a Sánchez nas primarias, aposta por un PSOE “ancorado na esquerda” pero capaz de construír un proxecto maioritario. A chegada do AVE, a súa “boa” relación co seu tío e ex-rival Abel Caballero e a posible candidatura de Bugallo en Santiago son outros dos temas desta conversa.



Gonzalo caballero entrevista



O AVE chegou a Sevilla en 1992. Pedro Sánchez leva mes e medio como presidente. Así e todo, parece que para o PPdeG el ten a culpa …

Hai que dar un tempo mínimo, o Goberno aínda está aterrando, os nomeamentos na alta administración do Estado algúns aínda están por facer. En todo caso, hai que garantir a entrada do AVE no país no prazo de tempo máis curto posible e está é a postura do PSOE e do Goberno do Estado. Resulta chamativo que o PP e Feijóo, que nos últimos anos mantiveron un silencio cómplice con Rajoy, cando se deixaron de gastar máis de 2.000 millóns de euros que estaban orzamentados para Galicia nos Presupostos Xerais do Estado. Despois deste silencio cómplice, que agora estean a falar de atraso … O Goberno non tomou ningunha decisión que poida atrasar nin un só segundo a chegada do AVE. Os orzamentos vixentes son os do PP. O Goberno socialista vai manter toda a intensidade posible neste proxecto concreto. O único que trasladamos é que hai que facer un chequeo de se os prazos que anunciou o PP son realizables ou non.


Nos propios orzamentos do PP hai partidas para a chegada do AVE a posteriori da súa suposta chegada …

O PP xogou co prazo e coas inversións en Galicia,deixando de gastar miles de millóns. A súa política de anuncios xoga á confusión. Non hai mellor mostra que no mes de decembro pasado inauguraron Rande e aínda hoxe seguen as obras. Isto é só unha mostra da falta credibilidade do PP nos seus anuncios para Galicia. O que cómpre agora é que o Goberno faga todo o esforzo posible para que o AVE chegue a Galicia, e así o vai facer.


Falando do Goberno. ¿Como lle sentan os comentarios de que, ao non haber ningún ministro do PSdeG, vese que o partido en Galicia e o seu liderado é feble?

Non entro a falar de comentarios. Levo neste partido 20 e tantos anos como militante de base e crítico e escoitei moitos comentarios e opinións. Ao final a política tamén é un proxecto de medio e longo prazo, de resistencia e de acertar. Pedro Sánchez fixo un magnífico goberno, as enquisas amosan que permitiu cambiar a tendencia electoral do PSOE. Dende Galicia aplaudimos que fixera un bo goberno para o conxunto do Estado. O Goberno dende logo non se fixo dende logo con cotas territoriais. Hai unha ministra galega, a de Economía.


Si, ben, pero non ten unha vinculación directa co PSdeG …

Ocorre o mesmo en moitísimas outras autonomías. Hai comunidades nas que nin tan sequera existe un ministro desa comunidade, algunhas delas presididas por presidentes socialistas. Se queremos trasladar á opinión pública que un Goberno se fai por cotas e que cada un pon unha ficha, ao final o resultado é um puzzle é pouco nítido. Hai que facer un goberno con xente competente e dilixente. A calquera galego, a min mesmo, gústanos que haxa galegos en todos niveis. É certo que hai unha galega no Consello de Ministros, hai secretarios xerais, secretarios de Estado, directores xerais, xente en ADIF, AENA … Isto amosa que o Goberno ten perfís galegos polo menos como outras autonomías; e hainas que teñen menos.


Falando das perspectivas electorais, as enquisas confirman a suba do PSOE, polo menos a nivel Estatal. Pódese trasladar esta tendencia a Galicia?

O cambio de Goberno en España abre un novo tempo político, que reforza ao partido socialista para volver a ser o partido máis votado no conxunto do Estado. En Galicia entra en confluencia cunha nova etapa que abrimos no Congreso Nacional Galego e que xa estaba permitindo un fortalecemento no país. As enquisas que tiñamos xa empezaban a reflectir este despunte. Hai unha tendencia estatal e galega que se reforzan mutuamente. Ademais, hai unha plena sintonía entre a dirección federal e a dirección galega, tamén co propio presidente do Goberno.


De onde pode rañar o PSdeG votos, da esquerda ou da dereita?

O PSdeG ten que seguir ancorado na esquerda, e dende a esquerda construír un proxecto maioritario ao que poida atraer a electores que non nos teñen votado nas convocatorias electorais máis recentes, construíndo unha maioría social de esquerda e centro-esquerda que pilote unha etapa de progreso e de cambio, fundamental e Galicia.


Como valora os pactos de goberno que mantén o PSdeG nas Deputacións de A Coruña e Pontevedra, pactos que tamén poden ser necesarios no seu caso para formar goberno a nivel galego …

Temos que recoñecer que o PSdeG ten un compoñente municipal importante. Alí onde gobernamos facemos unha boa xestión, en concellos e deputacións. E algo que corroboro nas deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Por vez primeira gobernamos tres das catro deputacións e facémolo con acerto, dende logo con cambios significativos respecto ao PP. Sucede o mesmo nas cidades. Logo hai que entender que en función dos resultados electorais en cada un dos concellos e deputacións hai que chegar acordos para desenvolver as políticas de progreso e de avance.


Cando estiman que terán candidatos confirmados ás eleccións municipais de 2019? Qué pasará en Santiago?

Temos plantexado que a volta do verán abriremos os procesos para definir quen vai encabezar as listas nas principais cidades e concellos. Polo tanto, como secretario teño que ser respectuoso cos tempos e coas formas, que combinan o papel da dirección pero tamén o papel que ten que ter a militancia. Nesa liña, Santiago será tratada como lle toca as cidades do seu tamaño.


No caso concreto de Santiago, cre que Bugallo pode ser un candidato válido para recuperar a alcaldía?

Bugallo foi un magnífico alcalde e é un home do partido. A partir de aí, tamén hai outros perfís que cumpren moi boas condicións para a cidade de Santiago, pero non me corresponde facer ningunha valoración máis que respectar os procedementos establecidos e ser respectuoso con eles. O secretario xeral de Galicia non vai definir coas súas preferencias persoais a cada un dos candidatos da organización. O PSdeG é moito máis que unha decisión individual.


Sobre a Valedora, o PP salvouna pero deu a entender que a pode deixar caer se a Xustiza non atende o seu recurso por enchufar a unha sobriña de Manuel Fraga e irmá de Pedro Puy. Que lle parece?

Houbo unha sentenza moi grave por parte dun Tribunal sobre o nomeamento dunha persoa con lazos familiares con un alto representante do PP. Esa sentenza emporca a exemplaridade que lle corresponde a unha institución como a de Valedora. O PP e Feijóo están cegos ante a gravidade do caso e non queren recoñecer que cando os tribunais falan hai que tomar medidas e asumir responsabilidades políticas. Non están tendo altura de miras para entender as circunstancias. Ademais, están a facelo coa boca pequena porque tampouco defenden claramente a actual Valedora. As institucións públicas necesitan dun exercicio de dignidade e exemplaridade importante. Cando non se resolven os problemas existentes, ao final dánase ás institucións. Feijóo e o PP erran coa súa defensa da Valedora.


E que lle parece o argumento do PP de que tamén ten responsabilidade no enchufe o vicevaledor pero que o PSOE non pide a súa dimisión porque é un home seu?

A sentencia é moi clara e cando falan os tribunai, o PP o único que ten que facer é ler a sentencia, que di con claridade que a responsabilidade é da Valedora, que ademais é a única que tiña relacións persoais coa persoa nomeada. A política de botafumeiro e confusión non é adecuada, intenta esquivar as responsabilidades propias. É o PP e Feijóo os que teñen un problema enriba da mesa, son eles os que obvian que cando hai sentencias xudiciais graves hai que tomar medidas. Algo similar pasoulle a Rajoy, que non quixo entender a gravidade da sentencia da Gürtel. Para renovar o PP, teñen que aprender dos erros que cometeron no pasado.


Por certo, Pablo Casado ou Soraya Sáez de Santamaría? Ten preferencia?

Non teño. Hai que respectar o proceso interno do PP, é un partido fundamental no sistema de partidos do Estado Español, de España. Gustaríame que o PP lograse rexenerarse e renovarse e abrir unha nova etapa de futuro que sexa beneficiosa para o conxunto do país. Para iso é importante que asuman as novas responsabilidades que se derivan dos casos de corrupción, empezando pola Gürtel, e tendo en conta que aínda moitos casos abertos na Xustiza. Sexa un ou outro candidato, a exemplaridade é un requisito para que a nova etapa do PP teña certa credibilidade.


No referido a política estatal, o Estado ofertou á Generalitat unha serie de transferencias. Parece que a estratexia de Sánchez pasa por, sen ofrecer un referendo de independencia, aumentar o autogoberno de Cataluña; e pode que, visto a posición de poder que ten o PNV no arco parlamentar, suceda o mesmo co País Vasco. Debe chegar ese aumento de autogoberno tamén a Galicia?

Hai que ir feito a feito. Hipóteses pódense planear moitas, pero os acontecementos van dun xeito máis lento. O PSOE vai respectar o marco da Constitución e o imperio da Lei. Asemade, os socialistas sabemos que hai que dialogar co conxunto do Estado, que é importante para estabilidade e un novo clima de comunicación entre as distintas partes. A reunión co presidente da Generalitat vai na dirección correcta, sen que haxa ningunha concesión, porque os problemas políticos teñen a necesidade de solucións políticas. Esa é a vontade do Goberno, respectando os mecanismos de solidariedade que son propios dun partido como o PSOE.


Daquela agora non é o intre de que Galicia pida máis autogoberno?

Eu non dixen iso. Simplemente fago un análise en función dos feitos e non de certas hipóteses. A partir de aí, creo que Galicia é unha nacionalidade histórica recoñecida constitucionalmente e que calquera redefinición do modelo de Estado, que avance cara un Estado plurinacional ou máis descentralizado; nesa redefinición Galicia debe ser tratada de acordo coa súa consideración constitucional como nacionalidade histórica ao igual que Cataluña e o País Vasco. Iso si, sempre marcando un elemento de solidariedade entre os cidadáns que vaia máis alá que a relación entre territorios.


Unha pregunta máis persoal, se me permite. Coa experiencia destes meses, como líder do PSdeG, e tras ser referente durante anos do sector crítico de Vigo, deu un salto de responsabilidade tanto a nivel orgánico como xeográfico. Como está a ser a experiencia dende o punto de vista profesional e persoal?

É certo que a miña historia no partido é a dun militante heterodoxo, que ten participado de forma activa durante máis de 20 anos, sen ocupar previamente responsabilidades executivas na organización. O cambio é un cambio de vida, até hoxe manteño a miña tarefa como docente na Universidade de Vigo e a maiores asumo a secretaría xeral do meu partido, o cal para alguén que sente as ideas do PSdeG é unha satisfacción. Tamén supón unha intensidade de esforzo moi importante, recorrendo as catro provincias de xeito permanente e cun enorme custe familiar e persoal pola carencia de tempo. Foron meses moi intensos, de moita adicación e que un analiza cun certo balance positivo, no senso de que non cometemos erros e que a configuración dun alternativa de esquerda fronte ao PP é hoxe unha realidade moito máis potente.


Daquela planea deixar a docencia activa na Universidade durante un tempo para aturar o ritmo que lle esixe o PSdeG?

É algo que non descarto. Cando cheguei á Secretaría Xeral trasladei ao partido que ía estar durante un tempo compatibilizando as dúas opcións, tamén para mostrar que teño unha vida profesional, coa vida resolta, e que veño á política a aportar, con custes persoais e esforzo; entendo a política como un servizo público. Tamén é certo que dixen que cando teña que asumir outra responsabilidade institucional que non sexa compatíbel coa miña responsabilidade docente eu teño que estar a altura das circunstancias e entender que, unha vez que fun elixido Secretario, a miña posición depende máis do que interese ao meu partido e sobre do que máis interese ao proxecto de cambio en Galicia. Se para facer un proxecto de cambio maioritario concluímos que é necesario que eu ocupe outro papel, fareino inmediatamente porque esa é a miña maior preocupación.


Falando da súa traxectoria previa, vostede liderou durante anos un sector que criticou a labor do seu tío, o alcalde de Vigo Abel Caballero. Esta tensión previa de tantos anos, como se leva agora que vostede é en certa maneira o seu superior orgánico?

Fun elixido secretario co apoio moi maioritario da militancia, gañando as primarias no conxunto de Galicia e gañando as primarias en cada unha das catro provincias cun diferencial notábel. A partir de aí, a organización entendeu que a militancia pedía unha nova etapa. A data de hoxe, o impulso que a militancia me deu hai oito meses está acrecentado, porque a militancia quere ver un cambio político en Galicia e entende que estamos a traballar sen descanso para facer ese cambio político. Co conxunto de cadros da organización houbo unha boa relación e fluída, tamén co alcalde Vigo, con quen é certo que eu tiven posicións diferentes no orgánico, en clave interna, a mellor mostra é que en distintos procesos de primarias apoiamos a diferentes candidatos a nivel de Estado; pero o alcalde entendeu a mensaxe dos militantes e dende logo eu teño claro que el ten un respaldo electoral moi forte na cidade e ademais é presidente da FEMP, polo que é un valor do noso partido que conta con todo o noso apoio a súa xestión como alcalde de Vigo.


Ten o seu apoio daquela para no seu caso repetir como alcalde?

Evidentemente, ese é o escenario que contemplamos, non hai ningunha dúbida; e tamén é o escenario que contemplamos para os alcaldes e alcaldesas do partido, alí onde gobernamos o que contemplamos é que sexan candidatos.

relacionada Feijóo pide a Sánchez a transferencia da autoestrada que Rajoy vetou durante anos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE