Empeza a folga dos funcionarios da xustiza nos xulgados de Galicia con seguimento dispar
Funcionalmente estes traballadores dependen da Xunta de Galicia pero o estado ten parte da responsabilidade á hora de regular aspectos como os seus salarios.
Funcionarios de Xustiza galegos arrincaron este luns os paros contra o "atropelo" que supón a Lei Orgánica de eficiencia organizativa no sector público da Xustiza, así como para defender "o servizo público" e o mantemento dos seus dereitos laborais.
Os paros e protestas ante os edificios xudiciais, convocados por STAJ, UXT, CC.OO., CSIF e SPJ-USO, producíronse por toda España e tamén nas sete cidades galegas. No caso de Santiago de Compostela, os funcionarios protestaron ante os xulgados de Fontiñas coincidindo cos paros, que están convocados diariamente de 10,00 a 13,00 horas.
"Estamos a defender os nosos dereitos ante unha lei que pretende publicar a ministra e na que se recortan os dereitos laborais dos traballadores e tamén os dereitos dos cidadáns", dixo, durante a protesta de Santiago, Manuel Díaz, delegado de UXT na Coruña, que acusou a esta lei de buscar un recorte "no servizo público".
Así mesmo, explicou, os paros obedecen a que as súas funcións "non están a ser recoñecidas nin determinadas tanto legal como retributivamente". "Temos un complemento de destino que é inferior ao de todas as administracións do Estado, que é inferior ao de fai 20 anos", apuntou Manuel Díaz, que advertiu de que os traballadores "non van permitir que a ministra xogue co futuro da Xustiza desta maneira".
O "recorte de postos de traballo e de dereitos" afecto a 2.800 traballadores en Galicia, apunta o sindicalista, que precisa que a norma suporía, entre outras cuestións, "deixar de crear xulgados". "A partir da publicación desa lei, non se crearía ningunha unidade xudicial máis e ningún posto de traballo", destacou.
OBRIGACIÓN DE FICHAR
Por outra banda, os sindicatos convocantes deste paro anunciaron a súa intención de recorrer unha instrución ditada pola Dirección Xeral de Xustiza da Xunta na que se "obriga ás persoas traballadoras a fichar mentres fan a folga", unha obrigación que, apuntan, "non existe legalmente", xa que "cada traballador pode exercer libremente" o seu dereito a folga "sen máis obrigación que a de respectar os servizos mínimos".
Esta instrución, apuntan, "dispón que os servizos mínimos prestaranse pola mesma persoa durante todos os días da semana, imposibilitando deste xeito o seu dereito a folga e impedindo que as demais persoas do centro fagan estes servizos".
O seguimento do primeiro día de folga en Galicia, segundo informa STAJ, foi desigual, con implicación "dispar" nas sete cidades galegas. Na totalidade dos xulgados galegos, o seguimento está en torno ao 30% de media, mentres que a nivel nacional, segundo CSIF, alcanza o 85%.
Escribe o teu comentario