A precariedade laboral: responsable de que máis de 10.000 nenos non teñan pediatra en Galicia

O Goberno galego non comezou a aplicar ningún tipo de medida de incentivación co obxectivo de cubrir as prazas de difícil cobertura


|

Consulta de pediatría
Arquivo - Consulta de pediatría

A Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap) fixo públicos datos sobre a cobertura de prazas de pediatría nas distintas comunidades autónomas. O pasado sábado, 4 de marzo, a doutora Concepción Sánchez Pina, presidenta da AEPap proporcionaba esta información no 19º Congreso da asociación.

 

As cifras obtivéronse dunha enquisa realizada aos representantes autonómicos de máis de 4.900 pediatras dos centros de saúde, que achegaron datos sobre as prazas vacantes nas súas respectivas comunidades autónomas.

 

Sánchez denunciou que hai en España un total de 523.636 nenos que carecen dun pediatra asignado, así como de calquera outro facultativo, como un médico de familia ou outro profesional de referencia para a súa atención. Doutra banda, hai comunidades onde até o 50% das prazas de pediatría están cubertas por non especialistas en pediatría, como é o caso de Castela-A Mancha ou Baleares.

 

Entre todas as comunidades, destaca especialmente a de Madrid, por estar á cola en cobertura de pediatría en Atención Primaria. Esta comunidade ten un total de 281.544 nenos e adolescentes sen atención pediátrica cuberta. En Madrid , segundo afirma a doutora Concepción Sánchez, máis da metade dos pediatras que aprobaron o recente concurso-oposición non se incorporan ás súas novas prazas de Primaria, senón que elixen permanecer en hospitais pedindo excedencia voluntaria. "Non queren ocupar unha praza con quendas de horario de tarde fixo e axendas de traballo ilimitades", denunciou a facultativa.

 

A presidenta da AEPap explica que nos casos nos que non se cobren as prazas por pediatras, "contrátase a médicos de familia, médicos xerais e médicos extracomunitarios sen título homologado, de acordo coas sociedades federadas".

 

A SITUACIÓN DE GALICIA

Galicia ocupa o sétimo posto en cobertura de pediatría en España. Está superada por Madrid , Cataluña, Asturias, Navarra, Andalucía e a Comunidade Valenciana. As cifras desta enquisa arroxaron que na comunidade galega un total de 11.478 nenos non teñen cobertura pedriátrica.

 

A isto ademais hai que sumarlle a inexistencia de medidas por parte do Goberno galego. En Galicia, ademais de noutras sete comunidades (Canarias, Navarra, Castela e León, Castela-A Mancha, Asturias, Baleares e A Rioxa), non se comezou a aplicar ningún tipo de medida de incentivación co obxectivo de cubrir as prazas de difícil cobertura, como si se fixo noutras comunidades como Andalucía, Aragón ou Cantabria, a pesar de que dúas desas tres teñan unhas cifras peores que as de Galicia.

 

“Existen iniciativas illadas que poden ser de valor, pero, en conxunto, a situación da asistencia a menores en Atención Primaria en España non mellora, a pesar das múltiples medidas desenvolvidas a partir do Marco Estratéxico 2019 da Atención Primaria”, explicou a presidenta da AEPap.

 

PRECARIEDADE LABORAL

Segundo afirma a AEPad, un dos principais problemas polo cal non se cobren estas prazas de pediatría é a precariedade laboral. As cifras revelan que en 14 comunidades autónomas non houbo resolución de convocatoria de oposicións con adxudicación de praza para os pediatras de Atención Primaria nos últimos dous anos.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE