O programa galego de cribado de cancro de mama reduce á metade as mastectomías en dúas décadas
Galicia lidera en España a detección precoz do cancro de mama: desde 1992, máis de 3,5 millóns de mamografías salvaron centenares de vidas e permitiron que cada vez menos mulleres necesiten cirurxías radicais
O cribado do cancro de mama en Galicia logrou un dos seus mellores resultados históricos: en 2024, a taxa de participación alcanzou o 84,8%, segundo o informe de situación e resultados 2013-2024 presentado esta semana ante o Consello da Xunta. O dato supera amplamente o 75% que as guías europeas consideran desexable e consolida ao sistema sanitario galego como un dos máis eficientes do Estado na detección precoz desta enfermidade.
O impacto máis rechamante do informe é a redución á metade das mastectomías entre as mulleres diagnosticadas a través do programa. No ano 2000, máis da metade dos cancros detectados na primeira rolda do cribado requirían extirpación dun ou ambos os peitos. En 2023, esa cifra descendeu até o 25%. Nas roldas sucesivas, a porcentaxe pasou do 41,8% ao 14,38%. A detección en fases moi temperás, unida aos avances en cirurxía conservadora, explica esta evolución.
A probabilidade de morrer por cancro de mama redúcese nun 29% cando a participación nos cribados supera o 50%, segundo datos recolleitos polo Sergas. En Galicia, esa participación case dobra ese limiar mínimo. Ademais, as mulleres diagnosticadas a través do programa presentan unha supervivencia a cinco anos do 97,8%, fronte ao 88,6% das diagnosticadas á marxe del.
TRES DÉCADAS DE PROGRAMA, MILES DE VIDAS
Desde que a Xunta puxo en marcha o programa en 1992, realizáronse máis de 3,5 millóns de exploracións e detectáronse 13.062 cancros, dos que o 84% eran tumores invasivos. A taxa de detección situouse en 3,9 tumores por cada mil mulleres exploradas, aínda que en 2023 subiu até cinco casos por cada mil, o valor máis alto rexistrado até agora. Esa tendencia ascendente, que o Sergas rexistra desde 2006, reflicte tanto o incremento da incidencia como a maior eficacia diagnóstica.
Galicia rexistra unha prevalencia de 160 novos casos por cada 100.000 mulleres en 2024, con Ourense e Lugo entre as provincias con maior incidencia de toda España. En 2023, faleceron en Galicia 388 mulleres por cancro de mama, cifra que ascendeu a 448 ao ano seguinte con datos aínda provisionais, o que a Consellería de Sanidade cualifica de problema de "primeira orde".
A comunidade foi tamén pioneira en 2023 ao ampliar a idade de acceso ao cribado até os 74 anos, apoiar en evidencia científica que mostraba beneficios claros do diagnóstico precoz nesa franxa de idade sen un aumento relevante de efectos non desexados, como os falsos positivos. A poboación destinataria son mulleres de entre 50 e 74 anos, a quen se realiza unha mamografía cada dous anos.
INTELIXENCIA ARTIFICIAL E MEDICAMENTO PERSONALIZADO
A Consellería de Sanidade non se conforma cos resultados actuais. En 2024 puxo en marcha un estudo piloto con intelixencia artificial —o software TRANSPARA— como apoio á dobre lectura independente dos radiólogos. O obxectivo é acelerar os informes diagnósticos, reducir a carga de traballo dos profesionais e garantir que os casos de maior risco reciban atención prioritaria. Os resultados están aínda en fase de avaliación.
Galicia lidera tamén o proxecto Mamorisk, que pretende pasar dun cribado baseado unicamente na idade a un modelo multifactorial que incorpore factores xenéticos, hábitos de vida e outros indicadores para asignar a cada muller un nivel de risco personalizado.
A Consellería de Sanidade comezou a citar ás primeiras galegas para este estudo pioneiro a principios de 2025, co obxectivo de recrutar a 4.000 participantes en toda a comunidade.
A isto súmase o proxecto Xenoma Galicia, que xa identificou 14 mulleres portadoras de variantes xenéticas de risco para cancro de mama e ovario hereditario, derivadas a unidades de consello xenético con seguimentos intensivos que poden incluír resonancias magnéticas anuais ou cirurxías preventivas. Con todo, o propio programa recoñece que os tempos de espera para iniciar o tratamento unha vez confirmado o diagnóstico non cumpriron os obxectivos marcados en 2023, un dato que as organizacións de pacientes levan tempo esixindo que se corrixa.
Escribe o teu comentario