Os montes de Ou Barco convértense en aulas grazas ao Eixo e as "devasas produtivas" de USE4FOREST
O municipio ourensán acolle a primeira experiencia piloto galega de "devasas produtivas", unha aposta europea por frear os incendios forestais mentres fixa poboación no rural.
O proxecto USE4FOREST, impulsado polo Eixo Atlántico no marco do programa europeo Interreg SUDOE 2021-2027, presentou este mércores no Viveiro de Empresas do Barco de Valdeorras a súa proposta para a parroquia de Alixo: transformar terreos forestais en risco en espazos produtivos que actúen simultaneamente como barreiras naturais contra o lume e como fonte de emprego para a comarca.
A iniciativa chega nun contexto de crecente preocupación polos incendios no suroeste europeo. Nos últimos seis anos rexistráronse tres das peores tempadas de lumes da UE, unha tendencia agravada polo abandono do rural e o cesamento de actividades produtivas ligadas ao monte. Galicia, xunto con Portugal e Francia, forma parte deste proxecto transnacional dotado cun investimento total de preto de tres millóns de euros, vixente até decembro de 2026.
A Deputación de Ourense colabora na adquisición de ferramentas e material forestal, ademais de xestionar os traballos de acondicionamento das parcelas cedidas polo Concello. No acto de presentación participaron o alcalde Aurentino Alonso, o deputado de Dinamización do Medio Rural Xosé Miguel Pérez Blecua e o responsable do Departamento Agrotech de Sinerxia, Pablo Condo.
FORMACIÓN GRATUÍTA PARA FIXAR POBOACIÓN
O corazón do proxecto é un programa formativo completamente gratuíto que arrincará o 20 de abril e estenderase até o 19 de xuño, cun máximo de 30 prazas. En total son 196 horas de formación, das que 20 serán online e o resto presenciais, orientadas á recuperación e aproveitamento sostible de dúas parcelas en Alixo.
Os módulos inclúen micoloxía, repoboación de castiñeiros, cultivo de plantas aromáticas e medicinais, apicultura e silvopastoreo, ademais dun curso transversal de emprendimiento rural. A formación diríxese tanto a propietarios de terreos como a calquera persoa interesada en iniciar unha actividade no monte.
Entre as entidades galegas implicadas en USE4FOREST, e coa expectativa de poder aplicar este modelo non só na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal senón noutros puntos de Europa, figuran a Consellería do Medio Rural da Xunta, a Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo ou a Deputación de Ourense entre outras entidades beneficiarias.
Escribe o teu comentario